Nos tres últimos anos os casos de denuncias por violencia de xénero baixaron a nivel de Galicia (300 menos), pero non no Partido Xudicial de Tui, que pasou de 106 a 121 casos

A Policía Local de Tomiño poderá comezar a partir de agora a realizar tarefas de vixilancia en casos de violencia de xénero. Así o contempla o novo protocolo VIOGÉN, asinado este mediodía entre o Concello de Tomiño e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra (Unidade de Prevención de Violencia sobre a Muller).
VIOGÉN é o Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero, unha ferramenta centralizada do Ministerio de Interior español para protexer ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos. Este sistema integra información de diversas institucións e permite avaliar o risco, xestionar a seguridade das vítimas e ofrecer un seguimento integral.
A sinatura deste protocolo permitirá que, a partir de agora, a Policía Local poida colaborar coa Comandancia da Garda Civil nos casos de violencia de xénero, realizando tarefas de vixilancia e control dos casos activos (35 na actualidade).
O comandante do posto da Garda Civil de Tomiño, aclarou e agradeceu o feito de que, desde hai tempo, os axentes da Policía Local veñen colaborando, pero a partir de agora a súa participación será decisiva no control de casos rexistrados e tamén nos que puideran xurdir no futuro, “xa que son eles os que mellor coñecen ás familias do concello e poden facer valoracións de riscos que axuden á Comandancia da Garda Civil nas investigacións e prever posibles agresións, antes de que estas se produzan.
Segundo o informe presentado pola responsable da Unidade de Prevención de Violencia sobre a Muller; María José Rodríguez, a situación de Tomiño está entre os parámetros normais.
A alcaldesa Sandra González, pola súa banda, reiterou o compromiso do seu goberno na loita contra a violencia de xénero, e expresou o seu agradecemento á Policía Local pola súa boa disposición para unirse ao novo protocolo, así como a labor dos profesionais dos Servizos Sociais.
O xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez, resaltou a necesidade de formación específica en violencia de xénero para poder desenvolverse mellor nestes casos.
En canto aos delitos cometidos na provincia, os efectivos sinalaron que nos tres últimos anos, baixaron considerablemente e que están relacionados na súa maioría con casos de estafas a través de internet e infraccións administrativas, comentando que en Tomiño e comarca a taxa de criminalidade está máis baixa que a nivel autonómico e nacional, o que fai destes lugares, sitios seguros para vivir.
Por último, axentes da Garda Civil de Tomiño lembraron as charlas que veñen impartindo en centros educativos dentro do Plan Director contra a Violencia de Xénero en centros educativos, sobre temas como ciberseguridade, xogos en redes con recompensas, chats abertos, ou acoso escolar, comentando que chegan ben ao alumnado e a docentes, pero non tanto a pais e nais, tarefa para a que solicitaron o apoio do Concello.
The post Tomiño súmase ao novo protocolo do sistema VIOGÉN, que permitirá á Policía Local colaborar con vixilancia e control nos casos de violencia de xénero appeared first on Concello de Tomiño.