Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Alfredo e Iván levarán a voz da mocidade de Tomiño ao Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

Data de publicación: 27/05/2025

Tomiño continúa apostando pola participación activa da súa mocidade e volverá estar presente no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) da Xunta de Galicia. Nesta ocasión, serán Alfredo e Iván, dous mozos implicados nos espazos locais de participación infantil e xuvenil, quen asuman o reto de representar ao municipio nos vindeiros dous anos.


O CAIA constitúe un espazo autonómico pensado para escoitar, recoller e ter en conta as opinións das nenas, nenos e adolescentes galegos en cuestións que lles afectan directamente, promovendo a súa implicación na construción das políticas públicas.


Este consello está formado por rapazada de toda Galicia, escollida entre concellos que contan con órganos de participación infantil, ademais de representantes de entidades sociais e do sistema de protección á infancia.


Durante a última reunión celebrada esta semana, os novos integrantes tiveron ocasión de coñecer ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, así como á subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Belia Méndez, quen explicou as medidas que se están a desenvolver para reforzar a participación da infancia no deporte galego.


Dende a Xunta salientouse a relevancia deste órgano como ponte directa entre a administración e a mocidade, e deuse a benvida ás novas incorporacións, entre as que se atopan Alfredo e Iván, que levarán con orgullo a voz de Tomiño a este espazo colectivo.



The post Alfredo e Iván levarán a voz da mocidade de Tomiño ao Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia appeared first on Concello de Tomiño.