Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

A alcaldesa e o valedor transfronteirizo reúnense en Madrid co Secretario Xeral Técnico de Dixitalización buscando solucións á falta de cobertura móbil no concello

Fecha de publicación: 21/05/2025

O Secretario Xeral Técnico, Matías González, recibiu onte en Madrid á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo valedor transfronteirizo da Eurocidade Cerveira-Tomiño, Andrés Sastre, para tratar o tema da grave falta de cobertura telefónica e de internet que sofren varias parroquias de Tomiño.


A problemática arrástrase dende hai anos sen que fose posible conseguir unha mellora substancial, a pesar de que o Concello de Tomiño leva tempo realizando múltiples xestións ante todas as instancias da Administración, tanto autonómica como estatal.


Durante a reunión, o Secretario Xeral Técnico adquiriu o compromiso de interceder ante as principais compañías telefónicas que operan no territorio español. Aínda que o sector das telecomunicacións é un mercado liberalizado e, polo tanto, son as empresas privadas as que deciden onde instalar antenas e mellorar infraestruturas segundo os seus propios criterios comerciais, o representante do Ministerio comprometeuse a trasladarlles a problemática concreta de Tomiño e a poñer en valor a urxencia dunha intervención, especialmente nas zonas rurais máis afectadas.


Á reunión tamén asistiu o empresario Ramón Vicente, xerente do Grupo Acanor, quen manifestou a súa preocupación pola grave incidencia que esta situación está a ter no tecido económico local. Explicou que estivo en varias ocasións a piques de trasladar a súa actividade fóra do municipio, debido ás dificultades que implica traballar sen unha cobertura axeitada. Esta problemática, segundo subliñou, non só afecta ás persoas particulares, senón que representa un freo importante para o desenvolvemento empresarial e para o asentamento de novos proxectos emprendedores no territorio.


Tomiño conta, concretamente, con 24 zonas con case 7000 veciños e veciñas empadroadas, onde o servizo está sendo deficitario. Un problema que é especialmente preocupante na zona máis próxima ao río, chegando a haber total ausencia de cobertura.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “é crucial garantir que todos os nosos veciños e veciñas teñan acceso a un servizo de telecomunicación axeitado, especialmente nunha sociedade cada vez máis dixitalizada”.


A Valedoría da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño é unha figura pioneira de cooperación entre a Galiza e Norte de Portugal, creada en xullo de 2017 que exerce a súa actividade con autonomía e imparcialidade, en relación aos órganos municipais, e sen retribución económica. Teñen como funcións recibir queixas, reclamacións e suxestións relativas ás relacións transfronteirizas entre os dous municipios e emitir informes, recomendacións e suxestións dentro das súas competencias.


 


The post A alcaldesa e o valedor transfronteirizo reúnense en Madrid co Secretario Xeral Técnico de Dixitalización buscando solucións á falta de cobertura móbil no concello appeared first on Concello de Tomiño.