Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño, á vangarda do benestar coa segunda edición da súa Axenda Impacto Saudable

Data de publicación: 12/05/2025


Tomiño pon en forma corpo e mente en movemento. O Concello xa ten en marcha a segunda edición da súa axenda saudable, unha iniciativa pioneira ao abeiro do programa Impacto Saudable que ofrece unha programación variada e gratuíta deseñada para mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas adultas.


Marcha nórdica, obradoiros de alimentación, andainas semanais e programas de envellecemento activo son algunhas das propostas que conforman esta axenda, pensada para integrar novos hábitos saudables de forma accesible e amena, sen importar a idade ou condición física.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o que buscamos con esta programación é xerar benestar real, constante e compartido, non só desde a actividade física, senón tamén dende a conexión social, a alimentación e a saúde emocional. Esta é unha aposta decidida por unha vida máis plena para toda a nosa veciñanza”.


Programa de actividades


O programa arranca con forza coa nova edición da marcha nórdica, unha actividade que mestura camiñar e exercitar o 90% da musculatura corporal grazas ao uso de bastóns específicos. As sesión terán lugar os días 24 e 25 de maio e 8, 14, 21 e 22 de xuño. O inicio será nas pistas de atletismo do Mosteiro, aínda que en caso de choiva a actividade trasladarase ao pavillón de Goián. Tras a toma de contacto inicial, as persoas participantes participarán en andainas que servirán para descubrir diferentes rutas polo concello. A actividade é gratuíta e as inscricións xa están abertas na web municipal.


A alimentación cobra protagonismo nesta nova edición da axenda saudable coa celebración de dous obradoiros de cociña saudable en vivo, impartidos pola influencer con miles de seguidores Tamara Alonso(@dedondesacolasproteinas) no Mercado de Tomiño. A primeira cita será o sábado 31 de maio, no que se traballará para ofrecer interesantes pratos de ‘Picoteo vegano para días soleados’, mentres que a segunda será o sábado 7 de xuño, onde o público aprenderá a facer ‘Receitas divertidas para que a cativada desfrute dos vexetais’. Ambos serán ás 11.00 h totalmente de balde, aínda que será necesaria inscrición previa a través da web municipal.


A axenda inclúe tamén as xa consolidadas andainas semanais, que se celebran todos os xoves de 10.00 a 11.00 h con saída desde o Centro de Saúde. Non requiren inscrición previa e cada sesión inclúe camiñadas guiadas e exercicios suaves adaptados de forza, equilibrio ou estiramentos da man de profesionais da Asociación Vontade.


Outro dos programas en marcha é o Reactívate nas parroquias, unha proposta de envellecemento activo para maiores de 55 anos posto en marcha polo Concello en colaboración con AFAGA que mestura actividade física, estimulación cognitiva e lecer para mellorar a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas. O programa desenvolverase ata o 11 de xullo en distintos puntos do municipio, con prezos asequibles e horarios adaptados.


Aínda quedan prazas dispoñibles en Tomiño centro, no que as citas son martes e venres de 10.00 a 12.30 h, así como no pavillón de Barrantes con clases luns de 09.00 a 10.00 h e xoves de 09.30 a 11.00 h, na Cultural de Tebra os martes de 16.00 a 17.30 h e os venres de 12.00 a 13.00 horas, e no pavillón de Sobrada os luns de 19.30 a 20.30 h e os martes de 18.00 a 19.30 horas. Nas parroquias as sesións dunha hora corresponden á parte física das actividades, mentres que nas clases de hora e media abordarase a parte cognitiva do programa.


O concelleiro de Benestar Social e Deporte, Rubén García, destaca que “esta programación ten como obxectivo rachar coas barreiras que moitas veces impiden iniciar un cambio de hábitos: medo, idade, falta de motivación… Aquí todo está pensado para acompañar, motivar e ofrecer alternativas reais e divertidas para sentirse mellor cada día”.


Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade e Lecer, Agustín González, sinala que “ademais do coidado individual, esta axenda permite atoparse, compartir e facer comunidade. Hai un valor emocional e social importantísimo en facer exercicio ou aprender a comer mellor en compañía doutros veciños e veciñas”.


As actividades están cofinanciadas ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).


The post Tomiño, á vangarda do benestar coa segunda edición da súa Axenda Impacto Saudable appeared first on Concello de Tomiño.