Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

O Concello de Tomiño pide explicacións polo acceso non autorizado do alcalde da Guarda ao Campo Municipal do Alivio

Fecha de publicación: 24/04/2025

O Concello de Tomiño lamenta a difusión de datos erróneos e a desinformación xerada sobre un proxecto municipal


O Concello de Tomiño quere expresar o seu profundo malestar pola actuación do alcalde da Guarda, Roberto Carrero, quen accedeu recentemente ás instalacións municipais do Campo de fútbol do Alivio sen autorización previa nin comunicación algunha. O rexedor, acompañado porconcelleiros da oposición do Partido Popular, utilizou o recinto para realizar unhasesión fotográfica coa finalidade de emitir unha nota de prensa.


Dende o executivo local consideran que esta actuación supón unha grave falta de respecto ás normas básicas de convivencia institucional, ademais dun uso indebido de espazos públicos con fins claramente partidistas. A este respecto, ven de remitirse unha carta ao alcalde solicitando explicacións e desculpas polo acontecido.


Ademais, laméntase a difusión de información incorrecta en relación cos obxectivos e o orzamento do proxecto, que foi presentado polo propio Concello a unha liña de axudas da Deputación de Pontevedra. O custo total da iniciativa ascende a preto de 320.000 euros, dos cales a subvención só cubrirá pouco máis do 50%. Cabe lembrar, asemade, que o señor Carrero accedeu ás instalacións o pasado mércores, cando a resolución da subvención foi aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación este mesmo luns, e aínda non foi notificada oficialmente ao Concello.


“As portas do concello están sempre abertas para calquera representante institucional, pero este comportamento non só é inaceptable, senón que tamén pon en risco a boa relación que debe existir entre institucións públicas. Esa relación debería basearse na lealdade e no respecto mutuo que se lle debe ao goberno municipal escollido pola maioría dos tomiñeses”, sinalan desde o goberno municipal.


The post O Concello de Tomiño pide explicacións polo acceso non autorizado do alcalde da Guarda ao Campo Municipal do Alivio appeared first on Concello de Tomiño.