Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A Eurocidade Cerveira-Tomiño fixa un plan de acción para 2025 e asume a consolidación de novos proxectos

Data de publicación: 28/02/2025



O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade reuniu, este mércores, en Vila Nova de Cerveira, aos alcaldes Sandra Gonzalez e Rui Teixeira, co fin de acordar un paquete de accións para o futuro, no ámbito da promoción da igualdade e da loita contra o cambio climático, así como un calendario con actividades en áreas diversas.


Exemplificando como os municipios de dous países poden traballar xuntos a prol dun desenvolvemento sustentábel e equilibrado, a Eurocidade Cerveira-Tomiño ten previstas cerca de 15 accións para o corrente ano, enmarcadas en áreas como a sostibilidade ambiental e a economía circular, a cultura e o deporte; a conciliación familiar e a xuventude.


Actividades  subvencionadas polos programas europeos REDE-GOV e ADAPT, cun investimento aproximado de 900 mil euros, cofinanciado en 75% polo FEDER a través do POCTEP, até 2026. Así, entre as medidas innovadoras para 2025, a Eurocidade Cerveira-Tomiño vai avanzar coa creación de tres documentos diferenciados: unha Guía Práctica de Conciliación do Traballador Transfronteirizo; outra de Recursos e Servizos para a Conciliación Familiar, e un Catálogo de Recursos e Servizos Xeorreferenciados.

Ademais, está prevista a dinamización dun “Mercado Sen Fronteiras”, unha iniciativa de promoción conxunta de produtos locais, receitas tradicionais e música típica, en ambos os concellos; así como unha segunda edición do Encontro Transfronteirizo de Protección Civil, coa constitución previa dun Grupo de Traballo, a prol dun territorio transfronteirizo máis preparado, máis organizado e máis seguro para afrontar os efectos das alteracións climáticas.


Das actividades xa consolidadas e acollidas pola poboación, mantense o Concurso de Pintura Antonio Fernández, o Olympics4All, a Semana Europea do Deporte, o BTT Transfronteirizo, a Carreira de Reis, así como a continuidade de actividades do OPT Xuventude 2023, os proxectos “Música Nova” e “Gladiator Race”.

A definición anual dun plan de acción da Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende contribuir a unha mellora da calidade de vida das poboacións locais, nun espazo común e fluído, minimizando as barreiras administrativas e promovendo unha integración social e económica.





The post A Eurocidade Cerveira-Tomiño fixa un plan de acción para 2025 e asume a consolidación de novos proxectos appeared first on Concello de Tomiño.