Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Novas xeracións, novos tempos e novas formas de educar en positivo con Diana Jiménez na Semana da Educación

Fecha de publicación: 13/02/2025

A décima edición baixou o pano con grande éxito de participación e cunha profunda reflexión da man da psicóloga sobre os retos das familias modernas



Os tempos cambian e os pais e nais aprenden. Con esa idea como eixo central, Tomiño pechou a décima edición da súa Semana da Educación, na que durante catro días as e os máis de 350 inscritos puideron desfrutar de catro conferenciantes de luxo que fixeron reflexionar a familias, docentes e profesionais da educación. Un evento que, tras dez anos de traxectoria, consolidouse como un referente na aprendizaxe e na crianza máis alá da comarca.


A alcaldesa, Sandra González, quixo agradecer a grande acollida desta nova edición e destacou a importancia que ten o evento no municipio. “O alto nivel de participación demostra o interese da veciñanza por seguir aprendendo e mellorando na educación, por achegarnos aos nosos nenos, nenas e adolescentes para comprendelos e ser capaces de acompañalos neste primeiros traxectos da súa vida. E, neste sentido, a Semana da Educación converteuse nun espazo esencial para evolucionar xuntas e xuntos como comunidade”, resaltou.








 


Nesta última sesión de 2025, a psicóloga Diana Jiménez fixo unha chamada á reflexionar sobre os erros comúns na educación actual, convidou ao público a unha disciplina en positivo e a mudar a perspectiva coa que miramos a fillos e fillas: “Fixámonos e resaltamos as deficiencias dos nosos nenos e nenas en lugar de poñer en valor as súas fortalezas”. Nunha conferencia dinámica, amena e divertida, Jiménez analizou tamén como os cambios sociais modificaron o modelo de familia e, con el, a forma de educar. “Somos familias modernas, con pais e nais máis presentes e dispostos a escoitar, pero moitas veces temos tempo limitado porque traballamos dentro e fóra da casa e educamos querendo compensar”, subliñou.


Entre dinámicas e interaccións co público, a psicóloga reforzou a idea de que o verdadeiro alicerce dunha boa educación baséase no exemplo, inculcando valores e normas e incidiu nun dos grandes dilemas da crianza actual. “Queremos darlles todo para facilitarlles a vida, pero estamos convertendo a realidade nun parque de atraccións. E cando estamos cubrindo desexos en lugar de necesidades facémoslle un fraco favos aos nosos pequenos e pequenas”, recordou.


Psicóloga, prolífica escritora e fundadora dos proxectos Infancia en Positivo, Adolescencia en Positivo e Parella en positivo, Jiménez acompaña ás familias ofrecendo información sobre estas etapas, compartindo exemplos reais, recomendacións e estratexias para pais e nais co obxectivo de axudar a crear un vínculo saudable.


The post Novas xeracións, novos tempos e novas formas de educar en positivo con Diana Jiménez na Semana da Educación appeared first on Concello de Tomiño.