Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A mocidade tomiñesa apúntase ás actividades organizadas polo Concello a través da Omix

Data de publicación: 07/02/2025

Un total de 339 persoas, na súa maioría mozas e mozos, inscribíronse nos cursos organizados pola Oficina Municipal Xuvenil de Tomiño (OMIX) durante o ano 2024.


As actividades que tiveron maior éxito foron as manuais, como quedou demostrado nos obradoiros de Construción de Pandeiretas (79 inscritos/as); Corte e Confección (2 grupos) cun total de 64 persoas, e Bordado sobre Fotografía en Tea, con 50 participantes.


Asemade, gozaron de boa aceptación os cursos de Horticultura Ecolóxica (33 persoas); Monitor/a de Lecer e Tempo Libre (32 inscritos), e Bailes de Serán (20 apuntados).


Por último, con 17 persoas cada un, atópanse  o Curso Básico de Francés A1 modalidade online, o obradoiro de Artes Plásticas e o curso de Lingua de Signos Española A2.


Finalmente, o obradoiro de canto “Operación Triunfiño” en Tomiño”, contou con 9 persoas inscritas.


Por outra banda, a principios deste ano convocáronse outros dous novos cursos, ambos os dous, de costura e de 20 horas (nivel iniciación e avanzado), que gozaron tamén de moi boa acollida por parte da mocidade.


Aos cursos organizados pola oficiña municipal xuvenil, hai que sumar as actuacións, espectáculos e outras propostas artísticas (mais dunha vintena) que se fixeron dende o Departamento de Cultura, en dous ciclos principalmente (Primavera Cultural e CulturON2024) e que contaron co apoio de máis de 2500 asistentes.


“Estas cifras confírmannos que imos por bo camiño na nosa proposta formativa e de cultural, na que non falta o teatro, a música, o circo ou a maxia, sempre pensando nos intereses, tanto da nosa infancia e mocidade, como dun público familiar”, valora Sandra González, alcaldesa de Tomiño.


Destaca a rexedora o feito de que a maioría das actividades son escollidas polos propios mozos e mozas, entre unha serie de propostas.



The post A mocidade tomiñesa apúntase ás actividades organizadas polo Concello a través da Omix appeared first on Concello de Tomiño.