Unha nova edición da gala que celebra o deporte tomiñés xa está en marcha dende a Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño. O vindeiro 8 de febreiro de 2025, teremos unha cita no Auditorio de Goián para celebrar, recoñecer e desfrutar dunha noite chea de ilusión, emoción e sorpresas.
O Concello busca acadar unha variada e ampla mostra de candidaturas, tanto no ámbito individual como colectivo; por iso, anima a todas e todos, a enviar as propostas antes do 20 de xaneiro ao correo galatomino@gmail.com, incluíndo información detallada sobre os méritos acadados por todas aquelas persoas que consideren poidan ser candidatas aos respectivos galardóns.
Como unha das novidades, este ano mudará o sistema de votación dos premios, posto que ademais do equipo de xuíces, os veciños e veciñas terán tamén oportunidade de dar a súa opinión nas diferentes categorías. Este novo formato será anunciado unha vez concluído o período de presentación de candidaturas.
Importante recordar, que para optar aos diferentes premios, os deportistas teñen obrigatoriamente que estar empadroados en Tomiño e é necesario que os seus méritos deportivos tivesen lugar entre a última gala do deporte e a apertura desta nova edición. Aquelas persoas que formen parte dalgún club, prégaselles que consulten co mesmo antes de enviar a súa proposta, xa que algunhas entidades realizan o proceso de presentación das candidaturas no seu nome, de maneira previa.
The post Tomiño comeza os preparativos para a celebración da VIII Gala do Deporte appeared first on Concello de Tomiño.