Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

O Consello Escolar Municipal pon sobre a mesa as deficiencias dos centros educativos, do transporte público e a carencia de información sobre a ampliación do IES

Fecha de publicación: 05/12/2024

O Consello Escolar Municipal de Tomiño, reunido en pleno a semana pasada, puxo de relevo tres problemas principais no eido da educación: en primeiro lugar, as deficiencias dos centros educativos; en segundo, o transporte público, que sigue sendo insuficiente con respecto á demanda e, por último, a carencia de información sobre a ampliación do IES Antón Alonso Ríos por parte do goberno autonómico; obra comprometida pola Xefatura Territorial de Educación no ano 2020, e que permitiría a creación dun bacharelato en Artes e a ampliación dos ciclos de formación profesional.


Representantes dos centros de educación primaria, infantil e secundaria, así como do CRA Mestre Manuel Garcés; do profesorado e do alumnado, participaron no Consello Escolar, así como tamén, a concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o  edil Rubén García, titular da Concellería de Benestar Social e Deportes e representación do resto da corporación municipal.


Ao longo da reunión, os concelleiros deron conta das melloras realizadas en cada un dos edificios adicados á educación nos seus distintos niveis, así como das xestións levadas a cabo ante organismos autonómicos, solicitando melloras na seguridade vial e nas contornas das escolas e marquesinas das estradas da Xunta de Galicia. Acordouse, igualmente, pedir unha reunión coa Consellería de Educación para tratar as necesidades existentes nos distintos centros educativos.


Asemade, deuse conta das obras de mantemento e melloras levadas a cabo nos centros educativos cun investimento superior a 100.000€ e informouse do funcionamento dos programas de Benestar Social, dentro dos que se atopan o “Encaixa-T”, Atención Temperá, Axudas SEAF (Servizo de Educación e Apoio ás Familias) e as actividades extraescolares, entre outros. No primeiro, prestado en colaboración con Aldeas Infantís, atendéronse 18 familias e 22 menores e cun investimento de 37.164€, dos cales o Concello achegou 18.000E de fondos propios. Con estas partidas realizáronse tarefas de apoio escolar, obradoiros de competencias oficiais, artísticos, sesións de atención psicolóxica, xornadas de participación familiar e aula de estudo.


Pola súa banda, o SEAF, cuxo fin é dotar aos menores do material escolar, comedor, agasallos de Nadal e actividades de verán (co fin de previr a desigualdade e marxinación social), atendéronse as demandas de 26 familias e se tramitaron 13 expedientes, que reverten en máis de 20 menores.


No referido ao servizo mancomunado de Atención Temperá, que se presta en colaboración con COGAMI, foron atendidos 102 menores tomiñeses, dos cales 48 están sendo tratados e 36 déronse xa de alta, tendo unha lista de agarda de 18.


Por último, en canto ás actividades extraescolares, o Concello ofreceu este ano cinco propostas, repartidas nos niveis educativos de infantil (Art-Terra), primaria (cociña, robótica con lego e multideporte) e secundaria (inglés). Todas de balde, cun investimento de 38.000€ e con 233 menores inscritos.


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 


The post O Consello Escolar Municipal pon sobre a mesa as deficiencias dos centros educativos, do transporte público e a carencia de información sobre a ampliación do IES appeared first on Concello de Tomiño.