A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a labor levada a cabo polo Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Avelaíña logo de visitar as súas instalacións, acompañada polo concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García.
Recibidos pola presidenta, Nieves Piñeiro, o xerente, Rafael Álvarez, e persoal técnico da asociación, adicada a potenciar a inclusión das persoas con enfermidade mental, percorreron as distintas estancias do centro e aproveitaron para falar cos usuarios, que salientaron o bo traballo que fan os profesionais.
Asemade, puideron coñecer cada unha das actividades que realiza o centro e os servizos que ofrece, visitando tamén o obradoiro de cerámica, para coñecer de primeira man o proceso de creación das pezas artesanais que elaboran os usuarios e usuarias.
A alcaldesa de Tomiño agradeceu o trato recibido e salientou a labor tan importante que desenvolve a asociación, coa que o Concello colabora. Nesta liña de colaboración, o Concello vén de conceder unha axuda económica que ascende a 1.760 euros e que contribuirá a dar resposta á necesidades de información e asesoramento en saúde mental da veciñanza.
Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro e ONG que naceu como asociación de familiares no ano 1997, co obxectivo de converterse nun punto de apoio para as persoas con enfermidade mental e as súas familias, e ou fin de mellorar a calidade de vida de persoas con enfermidade mental e familiares como paso fundamental para a súa inclusión na comunidade.
A asociación desenvolve numerosos programas, como o Servizo de Rehabilitación Psicosocial, o piso protexido con catro residentes, os programas de respiro familiar, ou as actividades da vida diaria e orientación á comunidade.
Os usuarios e usuarias participan diariamente en diferentes talleres (informática, formación de adultos, actividades psicofísicas, prensa, etc.). Tamén os seus familiares reciben atención dos profesionais a través de consultas, servizo de orientación e atención domiciliaria.
The post A alcaldesa salienta a labor do Centro de rehabilitación psicosocial e laboral “Avelaíña” appeared first on Concello de Tomiño.