Tomiño continúa sendo un referente na posta en valor das traídas de auga veciñais, ás que considera un patrimonio material e inmaterial moi importante do concello. Para compartir impresións e coñecer a situación e demandas de cada unha das 36 traídas, a alcaldesa, Sandra González, acompañada polo concelleiro do Ciclo da Auga e Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez e outros representantes do goberno, mantiveron unha reunión cos responsables das comunidades.
Na mesma, o Concello de Tomiño renovou o seu compromiso coas traídas, que traballan de forma totalmente desinteresada para optimizar a xestión dun recurso tan importante como é a auga para o consumo. A rexedora local, agradeceu o traballo constante das traídas de augas veciñais, así como o esforzo e labor de superación de COXAPO.
Asemade, o goberno aproveitou a xuntanza para informar aos representantes das traídas, a posibilidade de presentarse á convocatoria do programa europeo PERTE III (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica), co fin de conseguir axudas destinadas á dixitalización do ciclo da auga.
Liñas de axuda
Nos últimos sete anos o Concello investiu máis de 908.000€, tanto na posta en marcha de diferentes liñas de axuda para analíticas ou para o mantemento, así como na realización de diferentes obras de melloras na rede de abastecemento.
As 36 comunidades de augas existentes na actualidade en Tomiño dan servizo a máis do 85% dos veciños e veciñas. Por este motivo, as subvencións tentan financiar aparte das analíticas e kits de cloración, os medidores de cloro, a elaboración de protocolos sanitarios ou a alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo. Por outro lado, con estas axudas contribúese á mellora das infraestruturas (cloradores, recubrimentos de depósitos, decantadores, cerres de mananciais e casetas, instalación de placas solares, ou a telexestión e dixitalización do servizo) para garantir unha auga de calidade á veciñanza.
The post O goberno local reúnese coas máis de 30 traídas de auga veciñais para facer balance e recoller as súas necesidades appeared first on Concello de Tomiño.