Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

VONTADE, asociación de persoas con discapacidade, celebra en Tomiño o seu 20 aniversario

Fecha de publicación: 03/12/2024

O Mercado Municipal de Tomiño acolleu este mediodía, no seu primeiro andar, unha exposición moi singular. A dos 20 anos de historia da Asociación de  persoas con discapacidade Vontade, con sede en Tomiño pero que presta servizo a toda a comarca do Baixo Miño.


O acto contou coa presenza do presidente do centro, Miguel Pazo, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e outros membros do goberno local e corporación municipal, ademais dos usuarios e usuarias e o persoal técnico do centro.


Antes de ver a exposición, montada integramente polos membros de Vontade, o presidente lembrou os comezos da asociación, alá polo ano 2003, cando comezou a funcionar nunhas aulas prestadas polo Concello de Tui, ata que no 2008 a Mancomunidade de Montes de Tomiño cedeu uns terreos e o Concello máis COGAMI prestaron apoio económico a técnico para a creación da sede actual. Asemade, recalcou que Vontade foi e é unha organización sen ánimo de lucro que busca fomentar as capacidades e loitar pola integración social.


A alcaldesa, pola súa banda, agradeceu o traballo realizado todos estes anos  pola asociación, que atende na actualidade a unhas 40 persoas con discapacidade, das cales 17 acoden diariamente ao Centro de Día para realizar actividades e recibir coidados. “Dende o Concello queremos agradecer sempre e recoñecer a incansable labor en favor das persoas con discapacidade que leva a cabo Vontade; son un exemplo de compromiso, solidariedade e traballo profesional, que mellora a vida de moitas persoas e que axuda a construír unha sociedade máis inclusiva e xusta”, sinalou a rexedora.


Seguidamente, proxectouse un audiovisual “#andamos coxos da linguaxe”, coa participación de usuarios/as e familiares, explicando os prexuízos e problemas aos que se enfrontan habitualmente as persoas con discapacidade na nosa sociedade, e salientando a necesidade dunha linguaxe máis inclusiva.


Florentino Martínez, usuario de Vontade, foi o encargado de guiar a visita á exposición coa axuda dunha tableta, relatando os fitos principais na historia do centro.


A través de paneis informativos e fotografías, a mostra interactiva amosa as distintas fases polas que pasou a asociación dende a súa formación, e conta tamén con audioguía (con código Qr) coa voz de Ioshu A., outro usuario do centro.


Vontade presta na actualidade servizos para persoas adultas,  como logopedia, fisioterapia, apoio psicolóxico, educación social, terapia ocupacional, traballo social, etc. Logo da pandemia, a asociación foi quen de continuar coa actividade que viña desenvolvendo e ademais comezou a colaborar coa unidade mancomunada de Atención Temperá do Baixo Miño (nenos e nenas de 0 a 6 anos) e a creación dun módulo de apoio escolar para persoas de 6 a 16 anos. Asemade, presta servizo de transporte adaptado a 18 persoas diariamente.



 


The post VONTADE, asociación de persoas con discapacidade, celebra en Tomiño o seu 20 aniversario appeared first on Concello de Tomiño.