O vindeiro sábado, 30 de novembro, a partir das 19.00 horas, o Pazo do Mosteiro de Lira (preto do centro de Tomiño), acollerá un espectáculo musical moi singular. Trátase de “G Face na casa” o proxecto máis persoal de Gabriel Fandiño, un mozo tomiñés de 23 anos, cuxo tema “Vaivén” foi elixido como canción do verán pola CRTVG, o pasado mes de xuño.
Das máis de 30 cancións que forman o repertorio do xoven músico, seleccionáronse cinco temas en galego para realizar un documental, que poderá verse 24 horas antes do lanzamento.
G Face na casa descubre diversas facetas de Gabriel Fandiño, un mozo tomiñés con inquedanzas musicais dende a súa infancia, e tamén poderemos descubrir a súa faceta como compositor, actor, ou o seu amor a México e os preparativos da súa próxima xira coa que pretende percorrer Galicia en 2025.
O documental
As cinco novas cancións incluídas no documental forman tamén un EP co mesmo título e ao que o artista cataloga como un “documusical”. Non é a primeira experiencia de G Face coa súa lingua natal xa que compuxo para outros artistas cancións en galego, e a súa bachata “Vaivén”.
A cinta estará dispoñible o día seguinte do lanzamento en todas as plataformas dixitais, distribuída en 9 capítulos que entre os vídeoclips das novas cancións e a parte documental, suman un total de 53 minutos.
Toda a parte visual de “G face na casa” foi rodada no Pazo do Mosteiro de Lira que serviu ao longo do tres últimos meses como estudo, un lugar que é unha auténtica xoia descoñecida no centro de Tomiño e que o sábado, día 30 de novembro, abrirá as súas portas para unha ocasión especial, a proxección en exclusiva vinte e catro horas antes da estrea do documental, sen dúbida, un evento que atraerá a moitos rostros coñecidos que seguro estarán a arroupar ao músico.
A actriz e presentadora Trisha Fernández, os influencers Miguel Mandayo, Nerea Rodríguez e tamén Lito de orquestra Panorama, son algúns nomes dos moitos que participan neste documental. Todas as persoas que queiran asistir poderán achegarse a partir das 19.00 horas, que será a apertura de portas, con carácter gratuíto até completar aforamento e que contará coa presenza do artista e coñecido mestre de cerimonias baionés, Rafa Durán, tamén humorista e actor.
The post O pazo do Mosteiro de Lira acolle o sábado próximo a estrea de “G Face na casa”, coa proxección dun documental inédito appeared first on Concello de Tomiño.