A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño celebrou unha reunión extraordinaria para abordar a crise humanitaria xerada pola DANA en Valencia. Alcaldesas e alcaldes de Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda, preocupados pola magnitude do desastre e comprometidos en axudar de forma eficiente, analizaron as medidas de apoio xa en marcha e estableceron un plan de coordinación de recursos e operativos de asistencia.
No encontro tamén participaron membros de SOS Tomiño Baixo Miño, de Asistencia Social de Tui, de Protección Civil de Tomiño e de Cruz Vermella Pontevedra, que en contacto permanente con Cruz Vermella Española, unha das entidades que está operando directamente en Valencia.
Todos os concellos subliñaron a importancia dunha axuda organizada, sostida no tempo e adaptada ás necesidades reais da poboación afectada. “Non se trata de demostrar solidariedade só no inicio desta crise, senón de manter ese apoio co paso dos meses, pois o que está a suceder en Valencia esixe de nós un compromiso a longo prazo”, destacaron. A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño seguirá as indicacións que se dean dende as canles institucionais como a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para facer as súas posibles contribucións do mellor xeito posible.
Dende a Mancomunidade acordouse que os operativos do GES da Guarda se desprazarán nos vindeiros días a Valencia, onde xa están sobre o terreo membros de Protección Civil do Rosal e de Tui. Por outra banda, Protección Civil de Tomiño mantense en contacto permanente coa Axencia Galega de Emerxencias para desprazarse no momento en que se precisen relevos de persoal.
Durante a reunión, as e os representantes abordaron o envío da axuda material recollida ata o momento. No caso dos alimentos, debido aos problemas de intendencia na zona da crise e seguindo as indicacións das autoridades de Valencia, os produtos serán depositados nos bancos de alimentos provinciais. Estes bancos levarán un rexistro específico de entrada destes produtos e proporcionarán os alimentos cando sexa necesario, calcúlase que a partir de xaneiro. Aqueles produtos con caducidade próxima como pode ser o leite serán consumidos e repostos con outros de data máis ampla.
Debido aos problemas de humidade e barro na zona, as autoridades valencianas solicitan que non se envíe polo momento tampouco roupa, xa que se pode converter nun risco sanitario innecesario. Todo o material achegado polos veciños e veciñas e recollido ata o momento será gardado tamén nos bancos de alimentos ata que se precise en Valencia.
Outro punto tratado durante a reunión foi a necesidade de dar difusión ás canles oficiais para doazóns económicas a entidades como a Cruz Vermella, dado que esta axuda financeira permite adquirir en Valencia os produtos específicos que se necesitan en cada momento. Nestes intres Cruz Vermella ten abertas varias canles para que a xente poida facer as súas doazóns económicas:
Como sinalan dende a Mancomunidade do Baixo Miño, “a realidade é que esta crise vai durar meses e precisamos unha solidariedade a longo prazo. O mellor que podemos facer é colaborar cos donativos para que poidan mercar alí o que realmente se necesita. A poboación de Valencia non está illada nin desabastecida, pero necesita o noso apoio constante”.
A Mancomunidade continuará avaliando as necesidades e está disposta a facer doazóns materiais e económicas segundo vaian evolucionando as circunstancias nos próximos meses.
The post A Mancomunidade do Baixo Miño mobilízase ante a crise da DANA en Valencia appeared first on Concello de Tomiño.