Tomiño abre as portas á maxia do teatro este outono esta fin de semana. Producións Teatrais Excéntricas chega este sábado 5 de outubro ao auditorio municipal de Goián co seu espectáculo ‘O auto do Castromil’, unha obra gañadora do III Certame de Proxectos Teatrais Manuel María que dará o pistoletazo de saída a un novo ciclo de teatro para persoas adultas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o orgullo de comezar este novo ciclo cunha obra “tan especial e con tanto significado para nosa historia e cultura”, ao tempo que destacou a importancia de traer a Tomiño producións teatrais de gran calidade. “Este tipo de espectáculos non só entreteñen, senón que nos fan reflexionar sobre o noso pasado e presente, sempre cun toque de humor imprescindible para a nosa identidade”, destacou.
‘O auto do Castromil’ é un espectáculo único que levará ao público nunha viaxe onírica a bordo dun coche de liña onde as maletas cobran vida e as historias esquecidas de Galicia se revelan con humor e ironía. Mesturando pezas de obras de Manuel María como ‘A rebelión dos baúis’ ou ‘Abril de lume e ferro’, entre outras, a trama recrea a loita e resistencia dun pobo que nunca deixa de erguer a cabeza, mesmo nas situacións máis disparatadas. A obra será unha viaxe en transporte público pola Galicia inconsciente, onde o humor e o espírito antroidesco se converten nas principais armas contra o esquecemento.
As entradas para acudir ao espectáculo terán un prezo de 5 euros por persoa. As e os interesados poderán mercar as súas entradas de forma presencial no despacho de billetes do propio auditorio municipal de Goián ata unha hora antes do inicio da obra.
The post Tomiño abre as portas á maxia do teatro con ‘O auto do Castromil’ appeared first on Concello de Tomiño.