Tomiño
Festín de humor e circo para toda a familia con Dani Blanco e ‘La Fête’
Fecha de publicación: 02/07/2024
Tomiño prepárase para unha tarde de humor e circo para toda a familia. Ao abeiro da programación cultural de verán, a Praza da Mina converterase este xoves 4 de xullo no escenario de ‘La Fête’, unha proposta que forma parte de ‘Rogelio. A triloxía da soidade’ coa que o actor Dani Blanco fará desfrutar ao público cunha mestura de circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito, moito humor para todos os públicos.
A personaxe máis querida do circo galego chega a Tomiño para celebrar o seu aniversario en escena. Teno todo listo: agasallos, tarta, karaoke… Só lle falta unha cousa: os seus amigos e amigas. Só no escenario agarda por eles e elas mentres ofrece un espectáculo que amosa a traxicomedia da vida e fai rir a gargalladas ao público.
Unha obra inesquecible que combina moitas artes escénicas cunha historia que toca o corazón e culmina unha triloxía coa que Urdime explora a soidade de Rogelio dun xeito único e cativador. A representación será ás 19.30 horas con entrada de balde.
The post Festín de humor e circo para toda a familia con Dani Blanco e ‘La Fête’ appeared first on Concello de Tomiño.