Tomiño

Comunicaciones

Tomiño

Tomiño rodéase de vida coa plantación de 212 novas árbores frondosas autóctonas

Fecha de publicación: 31/05/2024

Tomiño implica á infancia para ser un municipio máis verde, sostible e eficiente. O alumnado do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán puxo o punto final a unha nova edición do proxecto Rodéate de vida coa plantación de 212 árbores frondosas autóctonas estes días nunha parcela da Comunidade de Montes de Tomiño no Xibao, as últimas plantas entregadas polo Concello á veciñanza este ano ao abeiro dunha iniciativa que ten como obxectivo repoboar as 900 hectáreas de franxas secundarias con plantas autóctonas, rodeando o municipio de vida e creando cortalumes naturais para protexer o concello ante posibles incendios forestais.


Unha xornada de plantación na que os máis pequenos e pequenas se achegaron á súa contorna contribuíndo a mellorar a biodiversidade local coa súa acción e concienciándose sobre a importancia de coidar o medio ambiente dun xeito completo e integrador. Así, rapaces e rapazas plantaron 27 castiñeiros, 20 carballos, 17 bidueiros, 28 sobreiras, 40 aciñeiras, 20 cerdeiras, 50 nogueiras e 10 érbedos.


Trátase dunha iniciativa que nace con vocación de continuidade, xa que nas vindeiras edicións de Rodéate de vida iranse implicando aos diferentes centros educativos tomiñeses e as Comunidades de Montes para fomentar a repoboación forestal con especies autóctonas ao tempo que se fai divulgación ambiental. Este ano plantáronse un total de 1.800 árbores que se suman aos máis de 2.600 exemplares entregados en edicións anteriores a persoas con parcelas situadas nas franxas secundarias de xestión da biomasa, que son aquelas que se atopan dentro dos 50 m dende o límite de solo do núcleo ou ata 50 m dende unha casa illada.







 


“A plantación de árbores autóctonas é fundamental para a protección e conservación do noso patrimonio natural. É un orgullo contar coa implicación do equipo directivo e docente e do alumnado do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán nesta iniciativa que non só embelece a nosa paisaxe, senón que tamén fortalece a nosa defensa contra os incendios forestais”, afirmou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.


Casaleiro agradeceu á Comunidades de Montes de Tomiño a súa colaboración na iniciativa e destacou a importancia para o Goberno municipal de campañas como esta, “que buscan rodear de vida o noso concello, creando espazos verdes que proporcionen beneficios ambientais a longo prazo. Agradecemos moito a colaboración de todas e todos os participantes e animamos á veciñanza a seguir implicándose ano a ano nestas accións”.


The post Tomiño rodéase de vida coa plantación de 212 novas árbores frondosas autóctonas appeared first on Concello de Tomiño.