Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello avanza no impulso de proxectos transformadores para Tomiño

Data de publicación: 03/05/2024

O pleno aprobou os máis de 140.000€ para o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a mellora da mobilidade na estrada entre Tabagón e Goián, así como 250.000 euros para a Casa do Tempo de Sobrada  


O Concello tamén destinará 8.000€ para dotar á Escola de Música dun saxo barítono, un instrumento non asumible polo alumnado



O Concello continúa avanzando no impulso de proxectos transformadores para Tomiño para mellorar a vida da veciñanza. O pleno aprobou esta semana os fondos para o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, máis de 140.000 euros de fondos municipais que irán destinado á execución da terceira fase do proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada EP-3303 que une Tabagón e Goián.


Trátase dun proxecto que comezou no mandato pasado coa execución dunha senda pola estrada das Eiras e que favorece a seguridade viaria dos peóns, garantindo que se poida camiñar con seguridade por unha estrada con bastante densidade de tráfico e sen beirarrúas. A continuidade do proxecto quedara comprometida con este convenio que permitirá continuar a senda ata Goián.


Como sinala a alcaldesa, Sandra González, “hai moitas persoas que veñen camiñando ou en bicicleta das Eiras ata Goián, que funciona como núcleo de referencia para moitos veciños e veciñas á hora de facer a compra, de ir ao médico, ir á farmacia… Dende o Concello queremos avanzamos na nosa achega a este convenio para rematar esta senda peonil que permitirá unir O Rosal e Goián dun xeito seguro para todas as persoas que se moven camiñando por ela”.


Xunto a este investimento, o plenario deu luz verde a unha modificación de crédito para achegar  250.000 euros dos fondos municipais para avanzar na rehabilitación da antiga escola pública de Sobrada e convertela na Casa do Tempo, un centro dixital, interactivo e inclusivo destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais sobre os usos, costumes, patrimonio e tradicións da parroquia. Trátanse dos fondos que complementan os máis de 560.000 euros de fondos europeos captados polo Concello para esta iniciativa a través do programa PIREP, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.


Por outra banda, o Concello tamén aprobou en pleno unha partida de 8.000 euros para a compra dun saxo barítono para a Escola de Música, unha medida “que busca achegar o noso gran de area para dotar á escola de instrumentos musicais que teñen un custo elevado que non pode ser asumido polo alumnado”.


The post O Concello avanza no impulso de proxectos transformadores para Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.