Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello abre o proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de educador/a familiar

Data de publicación: 05/11/2026

TOMIÑO | 5 de novembro de 2026. O Concello iniciará nos próximos días o proceso selectivo para crear unha nova bolsa de emprego público destinada a cubrir as ausencias temporais con dereito a reserva do posto de traballo da titular ou vacantes da praza de educador/a familiar, integrada no Departamento de Servizos Sociais municipal. 


A finalidade desta bolsa é a de dotar ao Concello de Tomiño dun mecanismo áxil para a cobertura de ausencias temporais da titular da praza (derivadas de incapacidades temporais, vacacións ou acumulacións de tarefas), así como para atender unha eventual vacante por xubilación ou incapacidade permanente ata a súa provisión en propiedade. A previsión inicial do Concello é efectuar a contratación inmediata para cubrir la actual baixa por incapacidade temporal da persoa titular. 


O posto contará cunha xornada laboral a tempo completo, coa retribución fixada anualmente nos Orzamentos Municipais e suxeita aos incrementos retributivos aprobados polo Goberno para os empregados públicos. 


Funcións do posto de traballo


A persoa seleccionada desempeñará un papel crave na atención psicopedagóxica e social do municipio, asumindo tarefas operativas e de coordinación institucional: 



  • Atención e valoración: Recepción de demandas derivadas por Servizos Sociais e centros escolares; contacto e unificación de criterios de diagnoses xunto ao equipo municipal. 

  • Intervención familiar e educativa: Deseño de proxectos individualizados para cada familia ou menor; realización de visitas domiciliarias e a centros escolares, e interrelación con institucións vinculadas ao ámbito educativo. 

  • Orientación e inserción: Orientación, asesoramento e apoio familiar e escolar; deseño de actuacións específicas de prevención; acompañamento en itinerarios escolares e de inserción socio-laboral. 

  • Coordinación institucional: Traballo conxunto co equipo de Servizos Sociais e os departamentos de orientación escolar. 

  • Control do absentismo: Prevención, control e seguimento continuado da escolarización obrigatoria e do absentismo escolar. 

  • Outros labores: Todas aquelas actuacións propias da súa capacitación profesional vinculadas á súa área competencial. 


Requisitos e méritos valorables 


Para optar á praza, as persoas aspirantes deberán acreditar estar en posesión dos seguintes requisitos mínimos: 



  • Titulación académica requirida: Grao universitario en Educación Social, Pedagoxía ou Psicopedagoxía. 

  • Permiso de conducir: Carné de conducir B en vigor. 


Así mesmo, as persoas admitidas neste proceso selectivo deberán pasar unha proba práctica relacionada coas funcións e temario que se aprobe e ademais valorarase a experiencia laboral e a formación complementaria directamente relacionada coas funcións do posto, así como o nivel coñecemento da lingua galega (Celga 4 ou equivalente), quen non acredite esta titulación, deberá pasar unha proba de galego. 


Procedemento de inscrición e publicación de bases 


A oferta xa se atopa difundida a través do Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas interesadas que cumpran coa titulación e requisitos esixidos poden realizar a súa inscrición previa a través do portal oficial de emprego autonómico: 


👉 Inscrición previa: https://emprego.xunta.gal/gl/demandantes/busca-emprego/busca-emprego-en-galicia 


AVISO IMPORTANTE SOBRE PRAZOS: A inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia non exime da obrigación de presentar posteriormente o modelo oficial de solicitude xunto coa documentación acreditativa dos requisitos e méritos. 


As bases reguladoras completas da convocatoria publicaranse o máis axiña posible no Taboleiro de Anuncios da Sede electrónica do Concello de Tomiño: 


🔗 Consultar Taboleiro de Anuncios: https://tomino.sedelectronica.gal/info.0 


A data formal de publicación das bases no devandito Taboleiro marcará estritamente o inicio e o fin do prazo regulamentario para a presentación da documentación requirida, sendo este o único procedemento válido para figurar como admitido/a no proceso selectivo.


The post O Concello abre o proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de educador/a familiar appeared first on Concello de Tomiño.