O Concello de Tomiño, en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), achega ao municipio un curso específico de prevención de riscos laborais dirixido a persoas que desenvolven tarefas de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar.
A formación terá lugar os días 17 e 24 de outubro e 7 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas, na Escola Obradoiro de Goián. Contará con 15 prazas e unha duración total de 12 horas, e será gratuíta para as persoas seleccionadas.
O obxectivo é proporcionar ás persoas traballadoras e profesionais deste ámbito coñecementos e ferramentas para identificar e previr os riscos asociados ao seu traballo, favorecendo a incorporación dunha maior cultura preventiva e contribuíndo a reducir os accidentes e os problemas de saúde laboral.
O programa combina contidos teóricos e prácticos e aborda diferentes ámbitos da prevención. Entre eles están os riscos ergonómicos, con especial atención á mobilización de persoas, as alteracións musculoesqueléticas e a hixiene postural; os riscos biolóxicos, incluíndo as medidas para evitar contaxios e o uso axeitado dos equipos de protección; e os riscos psicosociais, relacionados coas esixencias psicolóxicas, o estrés, o apoio social ou as situacións de violencia no traballo. Tamén se inclúe un bloque específico sobre seguridade viaria laboral.
A formación inclúe, ademais, aplicacións prácticas de técnicas de mobilización de persoas e utilización de axudas menores, así como prácticas sobre a correcta colocación, retirada, limpeza e almacenamento dos equipos de protección individual.
Desde o Concello de Tomiño destacan a importancia de achegar ao municipio este tipo de formación, especialmente nun ámbito profesional no que a prevención resulta fundamental para protexer tanto o benestar das persoas atendidas como a saúde das propias traballadoras e traballadores.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa solicitude dentro do prazo establecido e achegar a documentación correspondente. No caso de superar as solicitudes o número de prazas dispoñibles, terán prioridade as persoas con vinculación laboral ou formación previa ou actual relacionada coa materia, e posteriormente realizarase a selección por orde de inscrición. Ao remate do curso, o ISSGA expedirá o correspondente certificado de asistencia.
Solicitudes: direccion@gplus.es
Información: 981 392 209 / 636 141 474
15 prazas a inscribirse ata o 9 de outubro
Formación gratuíta
O curso forma parte das actuacións do ISSGA para 2026 destinadas especificamente ao colectivo de persoal coidador e de atención directa a persoas con dependencia, un ámbito no que o organismo autonómico identifica como especialmente relevantes os riscos musculoesqueléticos, biolóxicos e psicosociais.
The post Tomiño acollerá un curso de prevención de riscos laborais para persoal de atención a persoas con dependencia e axuda no fogar appeared first on Concello de Tomiño.