O Concello de Tomiño, en colaboración con AFAGA Alzheimer, pon en marcha unha nova edición do programa Reactívate, unha iniciativa de envellecemento activo dirixida a persoas maiores de 55 anos que combina actividade física, estimulación cognitiva e propostas de lecer.
O programa continúa así coa súa aposta por achegar actividades de promoción da saúde e do benestar ás diferentes parroquias do municipio, facilitando que as persoas maiores poidan participar en actividades próximas aos seus lugares de residencia.
Como novidade nesta edición, o Reactívate amplía a súa presenza a Goián e San Salvador de Tebra, que se incorporan aos grupos que xa se desenvolvían en Tomiño, Barrantes, Sobrada e Santa María de Tebra.
As actividades están orientadas a favorecer a memoria e a estimulación cognitiva, manter unha actividade física moderada e promover espazos de relación social e lecer. Nas parroquias, as sesións dunha hora están destinadas á parte física do programa, mentres que as sesións de hora e media permiten traballar a parte cognitiva, adaptando as actividades ás características das persoas participantes.
Horarios
Os grupos desenvolveranse nos seguintes días e horarios, correspondendo nas parroquias as sesións de unha hora á parte física e as de 1:30 as sesión de memoria:
- Tomiño: martes e venres, de 10:00 a 12:30 h.
- Barrantes: luns, de 9:30 a 11:00 h, e venres, de 9:00 a 10:00 h.
- Santa María de Tebra: martes, de 16:00 a 17:30 h, e venres, de 10:30 a 11:30 h.
- San Salvador de Tebra: luns, de 11:30 a 13:00 h, e venres, de 12:00 a 13:00 h.
- Goián: mércores, de 17:30 a 18:30 h, e xoves, de 16:00 a 17:30 h.
- Sobrada: luns, de 19:30 a 20:30 h, e martes, de 18:00 a 19:30 h.
Un programa que segue medrando
A ampliación do Reactívate responde á boa acollida que esta proposta ten entre as persoas participantes e á vontade do Concello de seguir descentralizando a programación e levando actividades ás parroquias, facilitando a participación e evitando que as persoas maiores teñan que desprazarse ata o centro urbano para acceder a este tipo de iniciativas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que «é unha satisfacción ver como o Reactívate segue medrando ano tras ano e como cada vez son máis as persoas que participan e fan seu este programa».
«Comezamos cunha proposta máis localizada e fomos ampliándoa progresivamente ás parroquias, e este ano damos un novo paso coa incorporación de Goián e San Salvador de Tebra. Para nós é moi importante que as persoas maiores teñan actividades preto da casa, pero tamén que conten con espazos para relacionarse, manterse activas e seguir formando parte da vida das súas parroquias», sinala a alcaldesa.
Desde o Concello saliéntase tamén a importancia de manter este tipo de programas no tempo. «Son iniciativas que funcionan moi ben porque combinan diferentes aspectos: actividade física, memoria, lecer e relación social. E, sobre todo, porque están pensadas desde as necesidades reais das persoas participantes. Estamos moi orgullosos de poder seguir fomentándoas e facendo que cheguen cada ano a máis lugares do municipio», engade o concelleiro de Benestar Social Rubén García.
O programa Reactívate está desenvolvido polo Concello de Tomiño en colaboración con AFAGA Alzheimer, dentro da aposta municipal pola promoción de hábitos de vida saudables e polo envellecemento activo da veciñanza. Para o concelleiro
As persoas interesadas en participar no programa ou que precisen máis información poden contactar co Concello de Tomiño presencialmente ou no teléfono 986 622 001, onde tamén poderán realizar a súa inscrición.
The post Tomiño segue coidando o benestar das persoas cunha nova edición do programa Reactívate appeared first on Concello de Tomiño.