O Concello organiza unha exposición coas obras do artista tomiñés do 20 ao 26 de xullo no marco da Semana Cultural das Festas de San Campio
Inauguración o luns 20 ás 20.00 h coa participación da historiadora da arte Sara Quintana, que explicará a obra do pintor
Acompañou a Castelao no último ano da súa vida, traballou con Blanco Amor, Laxeiro e Seoane no exilio de Bos Aires e a súa obra colgouse en museos e coleccións de México, Brasil, Inglaterra e Francia. Mario Rodríguez (1931-2018) foi un dos pintores máis singulares que deu Tomiño, e este verán o seu municipio natal réndelle homenaxe cunha exposición que recupera a súa figura e a súa obra para quen aínda non o coñece e para quen nunca o esqueceu.
A mostra, organizada polo Concello en colaboración co Centro Recreativo e Cultural de Figueiró no marco da Semana Cultural das Festas de San Campio, inaugúrase o luns 20 de xullo ás 20 horas coa participación da alcaldesa Sandra González e da historiadora da arte Sara Quintana, que explicará ao público a traxectoria e o valor artístico deste autor cuxa obra transcendeu fronteiras. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xullo, de balde e para todos os públicos.
A vida de Mario Rodríguez estivo marcada polo exilio en Arxentina tras o franquismo, onde se integrou na intelectualidade galega emigrada e construíu unha obra de carácter internacional recoñecida en numerosos países. O Concello xa recoñeceu a súa figura como homenaxeado nas Festas do Alivio e garda algunha das súas obras doadas pola familia de forma permanente ao patrimonio cultural do municipio.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor desta homenaxe “a un home que forma parte da nosa memoria e do noso patrimonio” e animou á veciñanza a achegarse ao Centro de Figueiró para coñecer e entender mellor a súa obra.
The post Tomiño homenaxea a Mario Rodríguez, referente da pintura galega no exilio appeared first on Concello de Tomiño.