A Asociación Arela busca familias para adolescentes en momentos vulnerables no Rosal e Tomiño
Ambos concellos colaboran na difusión do programa CONVIVE.COMigo, unha iniciativa que busca persoas para convivir de forma temporal con mozos e mozas que precisan un fogar
Tomiño e O Rosal, 16 de xullo de 2026.- Ás veces non fai falta cambiar todo: abonda con ofrecer un fogar no momento axeitado. Esa é a esencia do programa CONVIVE.COMigo, impulsado pola Asociación Arela e financiado pola Xunta de Galicia, que busca en Tomiño e O Rosal persoas e familias dispostas a convivir temporalmente con adolescentes que, por resolución xudicial, necesitan unha contorna familiar diferente á súa nun momento especialmente delicado das súas vidas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os concelleiros de Benestar Social de Tomiño e O Rosal, Rubén García e Beatriz Rodríguez, mantiveron un encontro coa representante de Arela, Eva Piñeiro, para coñecer mellor este programa e reforzar a colaboración na súa difusión.
O programa vai moito máis alá dunha alternativa residencial: aposta por xerar contornas de convivencia estables, próximas e normalizadas que se convertan nun espazo real de aprendizaxe vital, capaz de marcar un antes e un despois na traxectoria destes mozos e mozas. As familias e persoas acolledoras achegan novos referentes, novos vínculos e novas oportunidades nun momento no que todo iso pode resultar determinante.
Para facelo posible, o programa garante ás persoas participantes formación e valoración previa, acompañamento continuo por parte dun equipo profesional especializado e unha compensación económica que facilita asumir este compromiso temporal.
Como salientou a rexedora tomiñesa, Sandra González, “non podemos mirar para outro lado cando hai mozos e mozas que necesitan un fogar e un referente. O papel dos nosos concellos é ser a ponte entre Arela e a veciñanza e dar a coñecer un programa que seguro que atopará familias de Tomiño e do Rosal dispostas a achegar o seu gran de area”.
Pola súa banda, o concelleiro de Tomiño, Rubén García, valorou o papel de programas como CONVIVE.COMigo, xa que “a resposta para a rapazada que o precisa non pode recaer só nas institucións. A comunidade ten un papel fundamental e por iso dende os concellos facemos un chamamento ás familias que poidan ter o perfil e a disposición para participar. Ser familia acolledora non require ser perfecta, require ter estabilidade, sensibilidade e ganas de facer a diferenza na vida dun mozo ou dunha moza que o necesita”.
A concelleira rosaleira, Beatriz Rodríguez, subliñou o impacto humano desta proposta: “Un fogar no momento axeitado pode cambiar a traxectoria vital dun adolescente para sempre. Non se trata de resolver todos os problemas dun mozo ou dunha moza, trátase de ofrecerlles un espazo seguro, afectuoso e estable durante un tempo”.
Arela fai un chamamento a persoas con sensibilidade social, estabilidade e disposición para implicarse nunha experiencia que, aínda sendo temporal, pode ter un impacto profundo e duradeiro. Para contactar co programa e solicitar máis información pódese enviar un correo a convive@arela.org ou chamar ao teléfono 604 038 672.
The post A Asociación Arela busca familias para adolescentes en momentos vulnerables no Rosal e Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.