Do tradicional Encontro de Bandas de Música ao concerto final da Operación Triunfiño, pasando por obradoiros ou visitas guiadas, a axenda desta semana non dá respiro
Tres días, cinco propostas e un municipio que non para. Tomiño arranca este venres cunha programación de fin de semana que vai do concerto de bandas á cianotipia, da fortaleza de Goián ao talento da mocidade local, demostrando unha vez máis que a axenda cultural do verán ten algo para cada quen.
O venres 17 de xullo ás 21.30 horas no Espazo Fortaleza, o programa Son e Serán acolle o XXIX Encontro de Bandas de Música de Goián, con a Agrupación Musical de Goián e a Banda de Música de Ordes como protagonistas. Unha cita imprescindible para os amantes da música en directo, con ritmo, calidade e ambiente festivo garantidos.
O sábado 18 a programación desdobrase en tres propostas simultáneas. De 11 a 13 horas na OMIX da Praza da Mina, o obradoiro de cianotipia permitirá aprender esta fascinante técnica fotográfica sen cámara, realizando impresións por contacto con plantas ou imaxes. Prezo: 15 euros. Na mesma franxa horaria, o percorrido Pequenos lugares, grandes historias levará ao público pola Aula-Museo Antonio Fernández para coñecer a historia e o legado de quen dá nome a tantos espazos do municipio, nunha experiencia cultural para descubrir a memoria local. Pola noite, de 21 a 22.30 horas, a Visita Guiada á Fortaleza de San Lourenzo de Goián abrirá as portas deste enclave histórico para coñecer as súas conexións coas fortificacións que durante séculos marcaron a vida das xentes da Raia.
O domingo 19 de xullo ás 11 horas no Auditorio de Goián chega o gran remate do fin de semana co concerto final da V Edición do Operación Triunfiño, a experiencia formativa para a mocidade que combina técnica vocal, actuación, autoestima e traballo en equipo nun espectáculo que cada ano sorprende e emociona.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, animou á veciñanza a aproveitar a programación desta fin de semana “con música, arte fotográfica, historia viva nas nosas fortalezas e o talento da mocidade tomiñesa. É o verán en estado puro coa maior parte das actividades son de balde, así que non hai escusa para quedarse na casa”.
The post Tomiño enche a fin de semana de programación para todos os gustos appeared first on Concello de Tomiño.