Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Chega unha nova edición de Parte de ti, campaña de apoio baseada nas historias das persoas que transforman o rural

Data de publicación: 08/07/2026




No acto de presentación da campaña de Galicia Suroeste estiveron presentes as persoas protagonistas desta edición e representantes dos concellos que forman parte do territorio





Parte de ti celebra o seu sétimo ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás do rural. Trátase dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar, baseándose nas historias das persoas que están detrás dos produtos e servizos que temos a disposición na nosa contorna.


A presentación da nova edición desta campaña comezou cunha peza audiovisual resumo dos 7 anos que Galicia Suroeste leva promocionando ás persoas que deciden emprender e quedarse no rural, ofrecendo o mellor delas e a súa profesionalidade, tanto á poboación local como a todas aquelas persoas que visitan o territorio.


A presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño destacou a grande importancia da rede creada neste 7 anos, que aglutina a case 70 empresas e persoas emprendedoras que xa forman Parte de Ti. “O importante da campaña é que contamos verdade, realidades, historias de vida…e o máis gratificante para Galicia Suroeste é conseguir esta comunidade que se recoñece, colabora e se sinte parte dunha nova filosofía de vida que está a xurdir no rural, onde o noso territorio e a nosa calidade de vida son fundamentais para que o noso país siga avanzando de forma sostible”, salientou a presidenta do grupo de desenvolvemento rural.


A continuación proxectouse a historia de Ricardo García de Aica Cerámica de Mos, quen na súa intervención non puido conter a emoción por ter sido escollido como protagonista e lembrou todo o traballo familiar para levar adiante este proxecto que iniciou o seu avó cando regresou da emigración dende Cuba.


Nas vindeiras semanas Galicia Suroeste irá lanzando tanto na súa web como nas redes sociais as 8 historias que este ano formarán parte da campaña Parte de ti 2026.





The post Chega unha nova edición de Parte de ti, campaña de apoio baseada nas historias das persoas que transforman o rural appeared first on Concello de Tomiño.