Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño despide ata setembro as súas andainas saudables

Data de publicación: 25/06/2026

Retomaranse en setembro estas saídas semanais guiadas por unha fisioterapeuta e enmarcadas na axenda ‘Impacto Saudable’



Cada xoves, un grupo de veciños e veciñas de Tomiño saía a camiñar sen máis requisito que as ganas de moverse e poñerse roupa cómoda. As andainas saudables semanais que durante esta tempada partiron do Centro de Saúde rematan agora o seu percorrido ata setembro, deixando atrás unha serie de saídas gratuítas, abertas a persoas de todas as idades e guiadas por unha fisioterapeuta da asociación Vontade, que acompañou aos participantes ao longo do traxecto e dirixiu exercicios de forza, equilibrio e estiramentos adaptados a cada momento.


A proposta forma parte da axenda municipal Impacto Saudable, deseñada polo Concello para impulsar hábitos de vida activos e favorecer o coidado físico e emocional da veciñanza, e está cofinanciada ao abeiro das axudas ás entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).


As andainas retomaranse en setembro coa mesma vocación de sempre: saír, respirar, moverse e compartir camiño nunha actividade que demostra que coidar a saúde pode ser, ademais, un plan de fin de semana.


The post Tomiño despide ata setembro as súas andainas saudables appeared first on Concello de Tomiño.