O Goberno municipal aprobou por maioría en pleno a mellora do firme e da seguridade viaria para os peóns nas estradas e marquesiñas da Xunta
O Concello denuncia ademais a ausencia total de investimentos en Tomiño no Plan de Conservación de Estradas 2026 da provincia de Pontevedra
O Concello aprobou onte en pleno por maioría unha iniciativa para reclamar á Xunta de Galicia actuacións urxentes nas estradas autonómicas que atravesan o municipio para garantir a seguridade da veciñanza, así como o mantemento, reparación e mellora das marquesiñas do transporte público situadas nestas mesmas vías. O Goberno municipal levou a pleno dúas mocións con estas demandas despois de comprobar que o Plan de Conservación de Estradas 2026 da provincia de Pontevedra non contempla ningunha actuación nin investimento no termo municipal tomiñés.
O Goberno local considera especialmente preocupante esta situación nun concello cunha elevada dependencia da rede autonómica e cunha problemática viaria “coñecida, reiterada e trasladada en múltiples ocasións á administración autonómica sen obter resposta”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.
Principais demandas
Entre as principais demandas do Concello atópase a necesidade de intervir nas estradas autonómicas competencia da Xunta, especialmente na PO-552, a estrada xeral que conecta Tomiño co Rosal e A Guarda e que soporta unha intensidade media de preto de 14.000 vehículos diarios. Un volume de tráfico moi elevado e unha sobrecarga estrutural que condiciona gravemente a seguridade viaria de tráfico rodado e de peóns e a calidade de vida da veciñanza.
Na actualidade, a vía presenta numerosos tramos deteriorados, con fochancas, buracos e asfaltado agretado, ademais da falta de beirarrúas e espazos seguros para o tránsito peonil. Unha situación que se agrava de maneira significativa nos días de choiva polo deterioro do firme e que supón un risco constante para persoas condutoras, peóns e motos. A rexedora advertiu de que “o estado das estradas autonómicas ao seu paso polo municipio é unha preocupación diaria para a veciñanza. Falamos de vías con moitísimo tráfico, que atravesan núcleos habitados e nas que hai persoas que teñen que desprazarse a pé sen as mínimas condicións de seguridade”.
A alcaldesa lembrou ademais que en xullo de 2025 máis de 600 veciños e veciñas de Santa María de Tebra xunto co Concello entregaron sinaturas na Xunta solicitando beirarrúas e melloras de seguridade viaria en Tebra. “Son zonas con actividade económica, con paradas de transporte escolar, con movemento veciñal constante e cun tráfico moi intenso, especialmente no verán. A veciñanza leva tempo reclamando solucións e segue sen recibir respostas”, sinalou.
Mantemento das marquesiñas
O acordo aprobado onte en pleno recolle tamén a reclamación á Xunta dunha revisión integral das marquesiñas de transporte público situadas nalgunhas das 57 paradas de transporte público nas estradas de titularidade autonómica. O Concello denuncia o deterioro progresivo destas instalacións, utilizadas diariamente polo alumnado que emprega o transporte escolar e pola veciñanza en xeral.
O Goberno municipal elaborou nos últimos meses un informe detallado con incidencias, localizacións e documentación fotográfica das marquesiñas afectadas, información remitida á Xunta en varias ocasións sen que se dera resposta ou se produciran actuacións efectivas. Na actualidade existen marquesiñas con estruturas danadas, roturas visibles, bancos deteriorados e sen protección suficiente fronte ás inclemencias meteorolóxicas. O Concello lembra ademais que, malia tratarse dunha competencia autonómica, é a administración local quen acaba asumindo en ocasións pequenas actuacións de mantemento ante a falta de resposta da Xunta.
A iniciativa aprobada solicita tamén a instalación de novas marquesiñas no barrio da Tomada, en Taborda, e no barrio do Monte, en Currás, dous puntos especialmente perigosos nos que existe unha importante demanda veciñal. O Concello trasladará agora os acordos aprobados á Dirección Xeral de Mobilidade, á Axencia Galega de Infraestruturas e á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acompañando novamente toda a documentación técnica elaborada polos servizos municipais.
The post O Concello reclama á Xunta actuacións urxentes nas estradas autonómicas que atravesan Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.