Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello impulsa o emprendemento local con cinco novos postos nos mercados de Tomiño e Goián

Data de publicación: 28/04/2026

As novas concesións, que serán a 15 anos, reforzan a dinamización dos mercados municipais



O Concello vén de sacar a licitación cinco novos postos nos mercados municipais de Tomiño e Goián, unha medida coa que se busca impulsar o emprendemento, dinamizar estes espazos e reforzar o comercio de proximidade como motor económico do municipio.


Na praza de abastos de Tomiño, na planta baixa, ofértase un posto de máis de 16 metros cadrados destinado a tenda de alimentación, cun canon mínimo de 4.194 euros pola concesión e unha taxa mensual de 115 euros. Na planta superior licítanse dúas opcións: dous postos que funcionan como un único espazo de máis de 20 metros cadrados, pensados para bocatería e cafetería con consumo ou venda para levar, cun canon mínimo de 5.151 euros e unha taxa mensual de 142 euros; e un posto de case 21 metros cadrados destinado á venda polo miúdo en xeral, alimentaria ou non, cun canon de 5.253 euros e unha taxa mensual de 145 euros.


Pola súa banda, no mercado de Goián saen a licitación dous postos: un destinado á venda de froita, de case 10 metros cadrados, cun canon mínimo de 2.499 euros e unha taxa mensual de 69,09 euros; e outro destinado a alimentación, cun canon de 2.333 euros e unha taxa mensual de 64 euros.


Todas as concesións terán unha duración de 15 anos, sen posibilidade de prórroga, a contar desde a formalización do contrato. As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas durante un prazo de 30 días hábiles desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra no Rexistro do Concello de Tomiño, tanto de forma electrónica como presencial (de luns a venres, de 09.00 a 13.00 horas), ou por correo certificado, deixando constancia da data de envío.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que esta convocatoria forma parte dunha estratexia clara de apoio ao tecido comercial local, xa que “queremos que os nosos mercados sigan vivos, cheos de actividade e con novas ideas que lles dean futuro. Abrir estes espazos ao emprendemento é apostar por economía local, por emprego e por servizos de proximidade que dan vida ao municipio”.


O Concello destaca que esta iniciativa pretende facilitar novas oportunidades de negocio e consolidar os mercados municipais como espazos dinámicos, atractivos e adaptados ás novas formas de consumo, reforzando ao mesmo tempo a súa función social e económica no día a día da veciñanza.


The post O Concello impulsa o emprendemento local con cinco novos postos nos mercados de Tomiño e Goián appeared first on Concello de Tomiño.