Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Representantes institucionais de Galicia Suroeste participan nun programa de formación e intercambio de experiencias co Grupo de Desenvolvemento Rural Elimos en Sicilia

Data de publicación: 23/04/2026

Galicia Suroeste explora novas experiencias e aprende doutros territorios para seguir crecendo e innovando no rural


GAL ELIMOS e Galicia Suroeste establecen un marco de cooperación conxunto para o desenvolvemento rural sostible de ambos territorios


 


Os representantes institucionais da Asociación Galicia Suroeste realizaron unha viaxe de intercambio de experiencias no territorio do GAL Elimos, situado na rexión italiana de Sicilia, co obxectivo de fortalecer a cooperación europea e coñecer de primeira man proxectos innovadores de desenvolvemento rural.


A visita buscaba afondar en iniciativas vinculadas á valorización do patrimonio cultural, á dinamización turística sostible, á recuperación de espazos naturais e á promoción de produtos locais con identidade territorial. Durante a estadía, a delegación galega mantivo encontros con responsables institucionais, entidades sociais e axentes económicos do territorio siciliano, analizando modelos de xestión que poidan inspirar novas accións no rural galego.


Este intercambio enmárcase na estratexia de cooperación transnacional LEADER, que promove a aprendizaxe mutua entre territorios europeos e impulsa proxectos conxuntos que reforzan a innovación, a sustentabilidade e a cohesión social no medio rural, é na aprendizaxe permanente a través do Programa Erasmus +.


A delegación de Galicia Suroeste agradeceu ao GAL Elimos a excelente acollida e subliñou o valor destas experiencias para avanzar en políticas que melloren a calidade de vida da poboación rural, fomenten o emprendemento e potencien os recursos propios de cada territorio.


A entidade galega continuará traballando na definición de novas liñas de colaboración con Sicilia, co propósito de desenvolver iniciativas compartidas que contribúan ao futuro do rural europeo.


“Viaxes coma esta son fundamentais para abrir a mente e aprender de iniciativas que xa son todo un éxito e que poden servirnos para continuar transformando o noso medio rural. Son catro intensos días de visita que supoñen un grande exemplo de coordinación entre institucións, empresas e sociedade para estreitar lazos entre o rural europeo”, destacou a presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González.


Xunto con González, nesta visita de estudo participan autoridades dos restantes concellos que forman parte de Galicia Suroeste, como a alcaldesa do Rosal e Representante Institucional de Xeodestino, Ánxela Fernández Callís; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; así como os edís Lois Vázquez de Tomiño, Rocio Goberna de Gondomar, Estela Pérez e Diego García de Nigrán; Leo Costas e Mero Lorenzo de Mos; Rita Pérez de Redondela; e Ana María Núñez, de Tui.


Na xornada de carácter institucional, a delegación tivo a oportunidade de coñecer o plan de acción do GAL ELIMOS e foron recibidos pola Asemblea do Consello de Marsala e pola Asemblea do Consello de Favignana, así como polos alcaldes de ambas municipalidades.


Durante estes días tamén están a coñecer empresas do sector agrario, así como asociacións vinculadas co mundo do viño e empresas e entidades de carácter público – privado pertencentes ao sector do turismo.


 


The post Representantes institucionais de Galicia Suroeste participan nun programa de formación e intercambio de experiencias co Grupo de Desenvolvemento Rural Elimos en Sicilia appeared first on Concello de Tomiño.