Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Arquivo da Imaxe arranca esta semana en Barrantes, Cristelos e Piñeiro unha nova recollida de fotos

Data de publicación: 06/04/2026

O Concello recollerá fotografías para seguir ampliando unha memoria visual colectiva que xa supera as 9.000 imaxes


O Concello de Tomiño continúa dando pasos para rescatar esa memoria compartida coa nova recollida de fotografías do Arquivo da Imaxe, que esta semana fará parada no pavillón de Barrantes, na antiga escola de Cristelos e no centro cultural de Piñeiro, en horario de 10.00 a 13.00 horas.


A iniciativa forma parte dun proxecto colectivo que busca conservar e poñer en valor a historia do municipio a través das imaxes da súa veciñanza. O Arquivo da Imaxe suma xa máis de 9.000 fotografías, converténdose nunha ferramenta fundamental para entender como foi evolucionando Tomiño ao longo do tempo.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de seguir alimentando este fondo común. “Cada fotografía é unha peza da nosa historia colectiva. Queremos animar á veciñanza a compartir esas imaxes que gardan na casa, porque entre todas e todos estamos construíndo un relato vivo do que fomos e do que somos”, recordou.


Durante os meses de abril e maio, un equipo municipal percorrerá as diferentes parroquias para facilitar a participación. As persoas interesadas só terán que achegar as súas fotografías, que serán escaneadas no momento, sen necesidade de deixalas, garantindo así que os orixinais permanezan sempre nas súas mans.


A rexedora puxo en valor tamén o carácter accesible da iniciativa, xa que “se trata dun proceso sinxelo e respectuoso, no que devolvemos ao instante as imaxes ás súas propietarias e propietarios, ao tempo que aseguramos a súa conservación dixital para as xeracións futuras”.


O obxectivo é recompilar fotografías que reflictan a vida en Tomiño ao longo dos anos: escenas familiares, festas, traballos, escolas, barrios, paisaxes ou acontecementos que forman parte da identidade do municipio. Moitas destas imaxes permanecen gardadas nos fogares e agora teñen a oportunidade de integrarse nun arquivo común aberto á cidadanía.


The post O Arquivo da Imaxe arranca esta semana en Barrantes, Cristelos e Piñeiro unha nova recollida de fotos appeared first on Concello de Tomiño.