Concello e Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC renderon homenaxe á oceanógrafa, Científica do Ano da Real Academia Galega de Ciencias, destacando o seu gran legado
Acto encadrado no ciclo Mulleres referentes, que remata este venres 27 cunha mesa redonda con mulleres pioneiras na política
Aída Fernández Ríos, unha muller pioneira en moitos aspectos da súa vida. O Concello de Tomiño acolleu o primeiro acto do ano en homenaxe á oceanógrafa, recoñecida como Científica Galega do Ano pola Real Academia Galega de Ciencias, nunha xornada organizada en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC que puxo en valor a traxectoria excepcional e o legado científico desta investigadora.
O encontro, enmarcado no ciclo Mulleres referentes da programación municipal co gallo do 8M, reuniu no municipio a destacadas voces do ámbito científico que compartiron experiencias e lembranzas dunha investigadora que marcou un antes e un despois no estudo dos océanos.
O acto estivo inaugurado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; e a responsable da Unidade de Cultura Científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Luisa Martínez e contou coa participación de profesionais que compartiron traxectoria coa homenaxeada, como Carmen González Sotelo, delegada do CSIC en Galicia; José Luís Garrido, investigador do IIM; Fiz Fernández, tamén investigador e académico da RAGC; e Noelia Fajar, doutora en Química formada baixo a súa dirección. Todos eles coincidiron en destacar non só a excelencia científica de Aída Fernández Ríos, senón tamén o seu carisma e a súa capacidade para transmitir entusiasmo polo coñecemento.
Durante a xornada púxose en valor a figura dunha muller pioneira que comezou como auxiliar de laboratorio e chegou a converterse en profesora de investigación e directora do Instituto de Investigacións Mariñas, sendo a primeira muller en ocupar este cargo entre 2006 e 2011. A súa carreira estivo marcada pola constancia, o talento e a capacidade de liderado, chegando a dirixir campañas oceanográficas e equipos formados integramente por homes nun contexto no que a presenza feminina na ciencia era aínda moi limitada.
A rexedora destacou durante a súa intervención que “Aída Fernández Ríos é un exemplo de superación, talento e compromiso coa ciencia feita desde Galicia. A súa traxectoria demostra que as barreiras poden romperse e que as mulleres teñen un papel fundamental no avance do coñecemento. Precisamos visibilizar figuras como a de Aída para inspirar ás nenas e mozas, para que vexan que a ciencia tamén é o seu camiño e que poden chegar onde se propoñan”.
A súa contribución científica foi tamén un dos eixos centrais do encontro. Especialista no estudo dos océanos, Aída Fernández Ríos axudou a comprender mellor os efectos do cambio climático, especialmente no relativo á acidificación mariña. O seu traballo culminou cun artigo publicado na prestixiosa revista Science sobre a avaliación dos niveis de CO₂ no océano debido á acción humana, considerado un dos máis relevantes e citados da ciencia galega e europea.
Mulleres referentes na política
Este encontro forma parte do ciclo Mulleres Referentes, co que o Concello de Tomiño busca honrar o legado de mulleres que contribuíron ao avance social, cultural e político. O ciclo rematará o vindeiro venres 27 de marzo ás 20.00 horas no Espazo Isaura Gómez cunha mesa redonda centrada na presenza feminina na vida política, na que participarán figuras pioneiras como Olaia Fernández, deputada no Congreso; Carmela Silva, primeira presidenta da Deputación de Pontevedra; e Corina Porro, primeira alcaldesa da cidade de Vigo.
Unha homenaxe que non só mira ao pasado, senón que proxecta futuro, reivindicando o papel das mulleres na ciencia e na sociedade.
The post O legado de Aída Fernández Ríos emerxe en Tomiño como faro para a ciencia e a igualdade appeared first on Concello de Tomiño.