23 integrantes inauguran este club dirixido para persoas adultas que celebrará sesións mensuais e fará préstamo gratuíto de obras
A palabra compartida é novo punto de encontro cultural en Tomiño. Nace o Club de Lectura do Espazo Isaura Gómez, un club de lectura pensado para público adulto que esta semana escribiu a primeira páxina da súa historia.
O proxecto arranca cunha forte acollida, cun total de 23 persoas inscritas que xa forman parte desta iniciativa gratuíta destinada a crear comunidade arredor da lectura, o diálogo e o intercambio de ideas. Na sesión de presentación explicáronse as normas de funcionamento, pecháronse as prazas dispoñibles e entregouse a primeira obra que marcará o inicio deste camiño compartido: A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcelos.
Cada mes, os e as participantes poderán reunirse para comentar a lectura, debater sobre os temas que propoña cada libro e compartir impresións nun espazo aberto e participativo. As sesións celebraranse os últimos mércores de cada mes ás 20.30 horas e serán totalmente de balde. Ademais, as obras serán facilitadas polo propio Espazo Isaura Gómez en préstamo durante os 30 días previos a cada encontro, garantindo o acceso ás lecturas a todas as persoas integrantes.
Esta primeira etapa do club estará activa ata o mes de xuño para dar paso a un pequeno parón estival. A actividade retomarase en setembro con novas inscricións e máis prazas dispoñibles, consolidando así este espazo como unha proposta estable dentro da programación cultural da biblioteca.
As primeiras sesións estarán dinamizadas por Andrea, da libraría Libraida de Gondomar, unha profesional cunha ampla experiencia na orientación e coordinación de clubs de lectura, achegando o mellor acompañamento nas conversas literarias.
Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reforza o papel da biblioteca como lugar de encontro, aprendizaxe e participación cidadá, impulsando unha proposta que aposta pola cultura como ferramenta para crear vínculos e fortalecer a comunidade arredor dos libros.
The post O Club de Lectura do Espazo Isaura Gómez escribe a súa primeira páxina appeared first on Concello de Tomiño.