Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño consolida a igualdade como eixo transversal das súas políticas públicas

Data de publicación: 08/02/2026

O Concello pon en marcha o V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (2025-2029), unha folla de ruta integral para construír un municipio máis xusto, inclusivo e libre de violencia


A igualdade real constrúese con decisións, políticas públicas e compromiso sostido no tempo. Neste camiño, o Concello de Tomiño xa ten en marcha o seu V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes, un documento estratéxico que marcará a acción municipal entre 2025 e 2029 e que consolida a igualdade como principio transversal en todas as políticas locais.


O novo plan formúlase como un marco de actuación integral que recolle estratexias dirixidas a facer real e efectiva a igualdade nos ámbitos político, económico e sociocultural, coa finalidade última de eliminar as desigualdades estruturais e previr e combater a violencia machista no contexto máis próximo da veciñanza.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este novo Plan de Igualdade non é un documento teórico, senón unha ferramenta viva para transformar a realidade. A igualdade é un principio irrenunciable para este Concello e require coherencia, continuidade e accións eficaces no día a día”. A rexedora subliñou tamén que “avanzar cara a unha igualdade real é unha responsabilidade compartida, que precisa da implicación institucional, do tecido asociativo e de toda a veciñanza”.


O Plan foi deseñado como un instrumento realista, viable, flexible e dinámico, capaz de adaptarse ás novas necesidades que poidan xurdir ao longo do período de vixencia. Ademais, tivo un carácter participativo, contando coa colaboración de axentes sociais do municipio, o que garante unha resposta axustada ás necesidades reais detectadas en Tomiño.


Este V Plan chega tras un balance moi positivo do período anterior, no que se executou unha alta porcentaxe das medidas previstas, especialmente nas áreas de participación social e empoderamento, gobernanza e formación, emprego e conciliación. Nos últimos anos consolidáronse estruturas clave como o servizo municipal de igualdade e o servizo de atención psicolóxica individualizada para vítimas de violencia de xénero; avanzouse nunha conciliación efectiva co éxito sostido dos campamentos urbanos e musicais; reforzouse o empoderamento feminino cunha ampla oferta de obradoiros de benestar, autoestima, saúde e capacitación dixital; e impulsouse unha forte sensibilización comunitaria, especialmente nos centros educativos.


A quinta edición do Plan de Igualdade preséntase como unha estratexia evolucionada e integral, estruturada en seis áreas clave para maximizar o seu impacto:



  1. Igualdade nas políticas locais

  2. Desenvolvemento económico, conciliación e corresponsabilidade

  3. Participación en igualdade

  4. Saúde e benestar integral

  5. Formación e educación igualitaria

  6. Loita contra as violencias machistas


 


“O V Plan de Igualdade é máis que un documento: é un compromiso colectivo para construír un Tomiño máis xusto, inclusivo e feminista”, concluíu a alcaldesa, que recalcou que “só coa implicación da veciñanza, das asociacións e dos axentes locais poderemos facer realidade os obxectivos que nos marcamos”.


O documento completo do V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2025–2029 subvencionado pola Deputación de Pontevedra xa está dispoñible para consulta pública na páxina web do Concello de Tomiño.



The post Tomiño consolida a igualdade como eixo transversal das súas políticas públicas appeared first on Concello de Tomiño.