O rockstar da filosofía David Pastor Vico afondará nos retos comunicativos con infancia e adolescencia centrándose na confianza e no pensamento crítico
A cita será o mércores 11 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde
Nun mundo saturado de mensaxes, pantallas e ruído constante, comunicar xa non é só falar: é saber xerar confianza. Con esta premisa como punto de partida, a XI Semana da Educación de Tomiñocontinúa o seu percorrido cunha nova cita pensada para familias, profesorado e público en xeral que queira comprender mellor como relacionarse coas novas xeracións nun contexto dixital complexo e cambiante.
Será da man do rockstar da filosofía David Pastor Vigo, que o vindeiro mércores 11 de febreiro subirase ao escenario do auditorio de Goián (19.00 h) para darnos as claves de “Como comunicarnos coas novas xeracións”, un encontro de balde que invita a reflexionar sobre a comunicación, a aprendizaxe e o papel dos adultos na educación emocional e crítica da infancia e da adolescencia.
Pastor Vico parte dunha idea clara: non existe comunicación nin aprendizaxe sen confianza. Nunha contorna dixital onde o quen e o como se fala se mesturan constantemente, a dúbida tende a desaparecer en favor dunha credulidade automática. Ante este escenario, o divulgador propón recuperar as regras éticas da comunicación, fomentar a dúbida ben orientada, activar o pensamento crítico e redirixir a confianza cara a fontes de coñecemento rigorosas e verdadeiramente nutritivas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “esta charla interpélanos directamente como sociedade e como adultos, porque non podemos esixir espírito crítico ás novas xeracións se non somos capaces de dar exemplo”. A rexedora subliñou ademais que “a Semana da Educación quere ofrecer ferramentas reais para acompañar ás crianzas e á mocidade, poñendo o foco no benestar emocional e na saúde mental, pero tamén na responsabilidade colectiva que temos como referentes”.
David Pastor Vico é divulgador de filosofía e pensamento crítico, escritor e docente, cunha traxectoria desenvolvida entre España e México. Especializado en ética e filosofía aplicada á contorna educativa e profesional, acadou unha gran repercusión co seu último libro, Era de idiotas, convertido nun best seller no que analiza cuestións como o individualismo, a desconfianza social ou as carencias educativas actuais. Lonxe de sinalar a mozos e mozas como unha “xeración de cristal”, insiste en poñer o foco nos adultos e no exemplo que ofrecen a quen vén detrás.
Esta conferencia forma parte da XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que converterá de novo a Tomiño nun referente educativo do 9 ao 12 de febreiro, cun programa de catro conferencias de recoñecidos expertos e expertas que comparten un eixo común: o benestar emocional e a saúde mental na infancia e na adolescencia. Todas as charlas terán lugar ás 19.00 horas no Auditorio de Goián, con entrada libre.
The post Tomiño busca as claves para conectar coas novas xeracións appeared first on Concello de Tomiño.