O pasado 31 de decembro, Tomiño celebrou a segunda edición da San Silvestre Tomiñesa, cun balance moi positivo que confirma a consolidación desta cita deportiva no calendario local. Máis de 700 persoas participaron entre a carreira e a andaina, máis do dobre que na primeira edición.
Como novidade deste ano, o Concello entregou a todas e todos os participantes unha camiseta coa inscrición da proba, que xunto cos disfraces e atuendos dos asistentes encheu a mañá de cor e diversión. Grazas á colaboración entre o Concello de Tomiño e a Sociedade Atlética do Trega, vivimos unha xornada marcada pola boa organización, un percorrido atractivo e un ambiente festivo e participativo, animado con música durante toda a mañá, que contribuíu a crear unha experiencia dinámica e moi valorada.
Ademais, a recollida de alimentos para SOS Tomiño foi un éxito rotundo, demostrando a solidariedade e o compromiso da veciñanza que se sumou a esta iniciativa.
O bo tempo acompañou durante toda a xornada, e ao rematar, o chocolate quente ofrecido a todas e todos os participantes puxo o peche perfecto a unha mañá familiar e chea de enerxía.
Podes botar un ollo ás imaxes da xornada cliclando neste enlace e revivir o ambiente dunha mañá chea de vida, deporte, alegría e solidariedade na que Tomiño volveu demostrar a súa aposta polo deporte como ferramenta de convivencia e benestar.
Desde o Concello de Tomiño agradécese a elevada participación e anímase á veciñanza a seguir formando parte dunha San Silvestre que medra ano tras ano, co obxectivo de seguir aumentando a participación e consolidar esta cita como un referente deportivo, social e solidario no municipio.
Tamén se quere expresar un especial agradecemento á Sociedade Atlética do Trega, á Policía Local, a Protección Civil, ao voluntariado e a todas as persoas que colaboraron na organización do evento, cuxa coordinación e profesionalidade foron clave para garantir o bo desenvolvemento da proba, a seguridade e o éxito da recollida solidaria.