Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño alza a voz nun 25N que conxuga mocidade e acción colectiva contra a violencia machista

Data de publicación: 21/11/2025

O Concello impulsa unha programación participativa co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en colaboración co equipo de Igualdade do IES Antón Alonso Ríos, os Sachos Violetas


Nun tempo no que as violencias machistas seguen tentando facerse invisibles, Tomiño decide alumealas con voz propia, creatividade e a forza dunha comunidade unida. Co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello impulsa unha programación en colaboración co equipo de Igualdade do IES Antón Alonso Ríos, os Sachos Violetas, que combina acción pública, educación, arte e conciencia crítica, cun papel central da mocidade tomiñesa.


Como é habitual o acto principal terá lugar o martes 25 de novembro ás 12.00 h, na Praza do Seixo, onde os Sachos Violetas, encargarase da lectura do manifesto. A continuación, desenvolverase a acción colectiva “Tecendo liberdade”, unha intervención simbólica e participativa. Ademais, durante estes días poderá visitarse no Mercado de Tomiño a exposición “O feminismo non é necesario, verdade?”, unha mostra de traballos realizados polo alumnado do IES, que cuestiona estereotipos e convida a unha reflexión aberta sobre a igualdade real.


No ámbito educativo, tamén no IES Antón Alonso Ríos impartiranse obradoiros varios obradoiros para o alumnado: “Violencia sexual”, con ferramentas para identificar, previr e actuar ante condutas daniñas, coñecer os seus dereitos e fomentar relacións baseadas no respecto e no agarimo; “Non é unha opción, é unha realidade”, unha actividade de prevención da violencia machista para alumnado de formación profesional e ciclos; e “Falemos de sexo”, un obradoiro afectivo-sexual con perspectiva de xénero para o alumnado de Bacharelato.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembra que “Tomiño dispón todo o ano da Oficina de Igualdade contra a violencia machista con acompañamento psicolóxico e xurídico especializado para atender ás mulleres vítimas. Está ben facer memoria no 25N, pero en realidade ás vítimas de violencia machista hai que atendelas durante todo o ano e aí é onde poñemos todos os nosos esforzos como Concello, na atención diaria ás vítimas, que é a máis invisible pero a máis necesaria”. Pode solicitarse cita previa nesta oficina chamando ao cita previa no 986 622 001.


O Concello convida a toda a veciñanza a participar nas actividades e a sumar a súa voz a esta chamada común: nin unha muller menos, nin unha agresión máis.


The post Tomiño alza a voz nun 25N que conxuga mocidade e acción colectiva contra a violencia machista appeared first on Concello de Tomiño.