Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño activa unha liña de axudas para modernizar a depuración nas vivendas

Data de publicación: 19/11/2025

O Concello aproba en pleno ­as bases dunha convocatoria coa que se achegarán 55.500 euros para mellorar ou substituír sistemas de depuración autónoma en vivendas ata finais do vindeiro ano



Coincidindo co Día Mundial do Saneamento, o Tomiño vén de aprobar en pleno as bases dunha nova convocatoria de subvencións destinada a mellorar os sistemas de depuración autónoma das vivendas do municipio, unha iniciativa que reforza o compromiso do Concello coa protección ambiental e o benestar veciñal.


O Concello investirá 55.500 euros nestas axudas distribuídas en dúas liñas de actuación para levar a cabo ata o 31 de outubro de 2026, unha para melloras ou instalación de novos sistemas de depuración autónoma e outra para a elaboración da documentación técnica necesaria para executar as obras.


Segundo explicou a alcaldesa, Sandra González, “trátase dun paso importante para seguir avanzando nun modelo de xestión sostible, apoiando ás familias que non contan con conexión á rede municipal de saneamento e que precisan modernizar as súas instalacións para garantir un funcionamento axeitado e respectuoso co medio ambiente”.


As axudas permitirán cubrir ata o 80% dos gastos subvencionables, cun límite de 2.500 euros para actuacións de mellora ou substitución do sistema, e de 600 euros para a documentación técnica asociada. Ademais, poderán ser beneficiarias todas aquelas persoas propietarias de vivendas unifamiliares que non teñan a obriga de conectarse á rede municipal de saneamento, tal como recolle o regulamento vixente.


A rexedora subliñou tamén que “esta liña de subvencións responde ás necesidades reais das parroquias e núcleos nos que aínda non é posible a conexión ao sistema municipal, garantindo condicións de salubridade e un impacto ambiental mínimo”. González destacou a vontade do goberno local de facilitar ao máximo a tramitación: “Queremos que a veciñanza poida acceder a estas axudas con garantías, transparencia e apoio técnico en cada paso do proceso”.


As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello, no prazo dun mes a partir da publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.


The post Tomiño activa unha liña de axudas para modernizar a depuración nas vivendas appeared first on Concello de Tomiño.