Tomiño

Comunicacións

Tomiño

O Concello renova o auditorio de Goián para ofrecer máis confort ao público

Data de publicación: 13/11/2025

Investiu preto de 22.000 euros na restauración das butacas e na renovación do mobiliario do hall, mellorando a comodidade e a imaxe deste espazo cultural de grande uso



Os pequenos detalles tamén fan grande a cultura. O Auditorio de Goián, un dos principais espazos culturais de Tomiño, estrea nova imaxe tras unha posta a punto integral que combina restauración, confort e modernidade. Co obxectivo de mellorar a experiencia do público e garantir o bo estado das instalacións, o Concello levou a cabo unha actuación de mellora de case 22.000 euros centrada na restauración das butacas e na modernización do mobiliario da zona de acceso e espera.


Como destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “non só é importante construír espazos públicos para a nosa veciñanza como o auditorio ou a Casa da Cultura, tamén é fundamental o seu mantemento día a día para que estea nas condicións óptimas para o uso e desfrute de tomiñeses e tomiñesas”.


Un coidado que cobra especial relevancia no caso do auditorio de Goián, que pertence á Rede AGADIC e se converteu nun dos elementos culturais centrais da comarca do Baixo Miño ao ser un dos escenarios que programa ao longo do ano máis teatro, máis música e, agora, máis cine.


O Concello renova o auditorio de Goián para ofrecer máis confort ao públicoNo interior da sala realizouse o retapizado e reparación completa das butacas, que incluíu o desmontaxe das pezas, a substitución das espumas deterioradas e a renovación dos tecidos, devolvéndolles o confort e unha estética orixinal. Un traballo coidadoso que permite prolongar a vida útil do material e mellorar o benestar do público en cada función, concerto ou acto que se celebre no auditorio.


Na zona do hall, que serve como punto de encontro e espera antes das actividades, o Concello incorporou novo mobiliario moderno e funcional, con sofás e mesas que dotan o espazo dun ambiente máis acolledor e actual, pensado para ofrecer maior comodidade e dinamismo aos usuarios e usuarias.


Con esta intervención, o Concello continúa reforzando o compromiso coa conservación e modernización das súas infraestruturas municipais, asegurando que espazos como o Auditorio de Goián sigan sendo un lugar de referencia para o encontro, a creación e o goce da cultura en todas as súas formas.


The post O Concello renova o auditorio de Goián para ofrecer máis confort ao público appeared first on Concello de Tomiño.