Tomiño

Comunicacións

Tomiño

A mocidade de Tomiño alza a voz por un internet máis seguro e igualitario

Data de publicación: 22/10/2025


Representantes de Voces Novas participaron no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, no que preto de 50 nenas e nenos de 8 Cidades Amigas da Infancia reflexionaron sobre dereitos dixitais, ciberacoso e benestar emocional





As novas xeracións de Tomiño volven dar exemplo de compromiso e conciencia social. A pasada fin de semana, representantes de Voces Novas participaron xunto a preto de 50 rapazas e rapaces de toda Galicia no IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente, celebrado en Nigrán e promovido por UNICEF Comité Galicia.





Durante o encontro, a mocidade galega explorou cuestións clave sobre o uso responsable das tecnoloxías, os dereitos dixitais e a necesidade de garantir contornas dixitais seguras e respectuosas, poñendo o foco no impacto emocional das redes sociais, a igualdade, a autoimaxe e o ciberacoso.





As e os representantes tomiñeses compartiron experiencias e reflexións con participantes de concellos como A Laracha, Nigrán, Moaña, Ponteareas, O Rosal, Teo ou Tui, ademais de representantes do Consello Autonómico de Participación Infantil (CAIA). O resultado foi unha intensa fin de semana chea de aprendizaxes, debates e propostas que culminarán na elaboración dun manifesto que se presentará no Parlamento de Galicia o 21 de novembro, coincidindo co Foro de Participación Infantil e Adolescente.





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o orgullo e a responsabilidade que supón contar cun grupo de mozos e mozas implicados neste tipo de procesos. “A nosa mocidade está a dar unha lección de compromiso e pensamento crítico. Son conscientes dos riscos do mundo dixital, pero tamén das oportunidades que ofrece, e propoñen medidas realistas e valentes. Que as súas voces cheguen ao Parlamento é un paso fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis segura e igualitaria tamén nas redes”, subliñou a rexedora.





Durante o encontro, os mozos e mozas debateron sobre a necesidade de crear protocolos contra o ciberacoso, mellorar o acceso a atención psicolóxica, promover campañas sobre autoestima e diversidade nas redes e establecer filtros contra contidos de odio, ademais de reclamar unha maior implicación das empresas tecnolóxicas na protección da infancia e adolescencia.





Ademais, tiveron a oportunidade de participar na gravación dun podcast no que a rapazada puido conversar coa xornalista Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia, e con Irene Marín, coordinadora de UNICEF Galcia, sobre participación infantil, ciberacoso, videoxogos, a fenda de xénero nas redes sociais ou o seu impacto na saúde mental. 





Un encontro que, máis alá das propostas, deixa unha mensaxe clara: a infancia e a mocidade teñen moito que dicir, tamén sobre o futuro dixital que están a construír.





A mocidade de Tomiño alza a voz por un internet máis seguro e igualitario

The post A mocidade de Tomiño alza a voz por un internet máis seguro e igualitario appeared first on Concello de Tomiño.