Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño aposta pola enerxía limpa nos centros educativos

Data de publicación: 14/07/2025






O Concello instalou paneis fotovoltáicos no CEIP de Barrantes e no CEP Pedro Caselles Beltrán para avanzar en sustentabilidade e aforro enerxético





Actuación financiada con fondos FEDER a través do INEGA





A educación do futuro comeza tamén polo teito. O Concello de Tomiño continúa a súa firme aposta pola sustentabilidade coa instalación de sistemas fotovoltaicos para autoconsumo en dous centros educativos do municipio: o CEIP de Barrantes e o CEP Pedro Caselles. Un proxecto que non só reduce o impacto ambiental, senón que tamén contribúe ao aforro enerxético e económico nos edificios públicos.





As actuacións, financiadas parcialmente con fondos europeos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), supuxeron un investimento total de máis de 37.000 euros, dos cales case 22.200€ foron subvencionados.





No CEIP de Barrantes, instaláronse 20 paneis solares monocristalinos na cuberta do edificio, mentres que no CEP Pedro Caselles foron colocados 34 paneis do mesmo tipo. Estes sistemas permitirán xerar electricidade de orixe renovable para o autoconsumo dos centros, reducindo así a dependencia da rede eléctrica tradicional e os custos asociados á factura da luz.





“Este tipo de actuacións son unha mostra clara de como os concellos podemos liderar a transición ecolóxica desde o local, mellorando a eficiencia enerxética, reducindo emisións e educando co exemplo”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.





A iniciativa forma parte da estratexia municipal de promoción das enerxías renovables e da eficiencia enerxética, liña que xa vén sendo prioritaria nos últimos anos e que inclúe tamén accións en edificios administrativos, centros sociais e espazos públicos.














The post Tomiño aposta pola enerxía limpa nos centros educativos appeared first on Concello de Tomiño.