Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño reforza os servicios municipais con 20 novas contratacións ao abeiro do plan +Provincia

Data de publicación: 19/06/2025


As persoas incorporadas traballan xa a pleno rendemento en áreas como mantemento, medio ambiente ou benestar social





Tomiño dá un paso adiante na mellora dos seus servizos municipais. O Concello incorporou a 20 traballadores e traballadoras á plantilla municipal ao abeiro do plan +Provincia, vinte novas contratacións que permiten ao municipio reforzar diferentes departamentos municipais, mellorar o servizo á veciñanza e, ao mesmo tempo, dar unha oportunidade laboral a persoas en situación de desemprego. 





A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia destas novas contratacións tanto a nivel municipal como social. “Estas novas incorporacións non só permiten reforzar e mellorar áreas que precisan máis persoal ou nas que se realizan traballos estacionais, senón que permite incorporar ao mercado laboral a veciños e veciñas na procura de emprego, ofrecéndolles unha experiencia laboral real, digna e útil para o seu futuro”, recalca.  





As novas incorporacións abranguen ata oito perfís profesionais diferentes, con contratos a xornada completa de entre seis e nove meses de duración. En total contratáronse 11 peóns de xardinaría, dous peóns da construción, un instalador/a electricista Oficial 1ª, un mecánico/a de mantemento e reparación de automoción Oficial 2ª, un soldador/a de estruturas metálicas lixeiras, especialista, un técnico/a administrativo/a, un traballador/a social e un enxeñeiro/a técnico/a forestal.





Desde o Concello tamén se puxo en valor o labor do persoal municipal que traballa durante todo o ano, “un equipo comprometido, dedicado e profesional, que é esencial para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos e que nestas datas ten un papel clave como apoio e guía para que as novas incorporacións poidan adaptarse e comezar con éxito”.





Con esta acción, Tomiño continúa traballando polo fortalecemento dos servizos públicos e polo benestar da súa cidadanía, convertendo as políticas activas de emprego nun motor de dinamización local.





The post Tomiño reforza os servicios municipais con 20 novas contratacións ao abeiro do plan +Provincia appeared first on Concello de Tomiño.