As solicitudes poderán presentarse no Concello de 9.00 a 14.00 horas ou pola Sede Electrónica
Co gallo da celebración da noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño, o Concello de Tomiño informa á veciñanza que, seguindo as indicacións da Xunta de Galicia, só se permitirán fogueiras esa noite concreta, quedando prohibidas en calquera outra data, incluída a fin de semana.
As fogueiras unicamente poderán realizarse en espazos privados, como parcelas ou vivendas particulares, quedando expresamente prohibidas en espazos públicos (prazas, rúas pavimentadas, zonas verdes, xardíns ou calquera outro lugar que poida representar un risco, como zonas próximas a liñas eléctricas ou inmobles). A maiores, compre ter en conta que só poderán realizarse con combustión vexetal.
Aquelas persoas que desexen organizar unha fogueira deberán presentar obrigatoriamente unha comunicación previa, indicando a localización exacta da queima. O prazo para formalizar esta solicitude remata o mércores 18 de xuño, e poderá facerse de forma presencial, no Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas; ou ben, a través da Sede Electrónica municipal, mediante unha instancia xeral.
O Concello advirte que non se autorizará ningunha fogueira sen esta comunicación previa, e que as autorizacións poderán quedar sen efecto no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables.
Para garantir a seguridade de todas as persoas e do medio ambiente, desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento estrito da normativa.
Asemade, o Concello de Tomiño establece as seguintes prescricións para os particulares que leven adiante unha fogueira de San Xoán:
- ) O diámetro da fogueira non será superior a 8 metros e a altura a 3m.
- ) O material de combustión será materia vexetal, quedando prohibido a queima de calquera outro tipo de materia.
- ) A separación entre as fogueiras e os edificios e árbores, será como mínimo de 12 metros.
- ) Queda expresamente prohibido facer as fogueiras nas praias.
- ) Previo ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 10m. de longo rodeando o perímetro da fogueira.
- ) Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciada a fogueira prodúcese aparición de vento, suspenderase inmediatamente o fogo, procedéndose a apagar o lume.
- ) Non se abandonará a vixilancia da zona da fogueira, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.
- ) Toda fogueira autorizada deberá contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco que supón este tipo de acción, en ningún caso se poderá realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere de risco mínimo.
- ) Queda prohibida a tirada de fogos sen a preceptiva autorización, e en caso de posuíla, os devanditos fogos non poderán ser tirados de noite.
The post O Concello de Tomiño lembra que é obrigatoria a comunicación previa para realizar as fogueiras de San Xoán appeared first on Concello de Tomiño.