Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Aberta a exposición “Coidando o noso mar”, durante toda a “Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural” no 1º andar do mercado municipal

Data de publicación: 02/06/2025




A Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural pode visitarse xa no primeiro andar do mercado municipal. A mostra está organizada polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que promove a educación ambiental en todos os sectores sociales, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.


Na exposición itinerante que temos esta semana no mercado leva por título “Coidando o noso mar”. A través de 5 paneis,  a mostra pretende fundamentalmente:



  • Sensibilizar sobre o importante valor natural e a fraxilidade dos ecosistemas mariños, tendo en conta a incidencia das actividades humanas e os residuos que estas xeran.

  • Descubrir as problemáticas que afectan ao litoral interrelacionándoas cos nosos patróns de consumo cotiá.

  • Conseguir un conxunto de coñecementos e destrezas sobre o litoral galego e os seus recursos, para que o alumnado incremente o nivel de respecto e estima cara el.






Descrición



A característica fraxilidade dos ecosistemas costeiros, acentuada pola presión das actividades humanas está causando a súa destrución. A franxa litoral está en perigo debido á ausencia de planificación e a unha mala xestión nas actuacións levadas a cabo nela durante as derradeiras décadas. O desenvolvemento turístico mal planificado, a erosión costeira, a presión urbanística, a contaminación mariña, a sobreexplotación pesqueira, a destrución de hábitats, etc., son algúns dos males que afectan ao litoral tanto a nivel galego como mundial.


De igual xeito, hoxe seguimos a pensar que o mar é unha fonte inesgotable de recursos, e que o mar é inmune ás nosas actividades e agresións. E NON É ASÍ!


Os avances científicos e o estudo dos ecosistemas mariños, proban que estas perigosas percepcións son falsas, que os recursos mariños están en algúns casos máis ao borde do colapso do que se crera, e que a presión antrópica é a causa fundamental deste feito.


A mostra estará aberta até o domingo 8 de xuño no mesmo horario da primeira planta do mercado. Máis información: https://www.ceida.org/gl/educacion-e-divulgacion/coidando-o-noso-mar



 





The post Aberta a exposición “Coidando o noso mar”, durante toda a “Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural” no 1º andar do mercado municipal appeared first on Concello de Tomiño.