“O Coidado do Mar Comeza Aquí” será o fío condutor da Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural, que o Concello de Tomiño organiza cada ano coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño. Actividades para todas as idades coas que se pretende acercar o coñecemento do medio e e aprender a colaborar coa súa preservación.
Na semana do 2 ao 8 de xuño, a Concellería de Medio Ambiente organiza unha serie de actividades que, este ano, se centrarán en distintos aspectos referidos ao coidado do mar, e como todas as actividades que se fan en terra lle poden afectar.
Concretamente, nesta edición organízase entre os días 2 e 8 de xuño no Mercado de Tomiño, a exposición “Coidando do noso mar”, do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).
Ademais, o xoves 5, de 11.00 a 13.30 horas, realizarase na Praza do Seixo, a carón do Concello, unha mostra de xabóns elaborados a partir da reciclaxe de aceites caseiros, realizados por alumnado do Club de Ciencias do IES Antón Alonso Ríos.
Outra actividade que promete é o faladoiro do día 7 de xuño, ás 18 horas, coa Asociación de pescadores do río Miño; o pescador e divulgador Rogelio Santos Queiruga e dous investigadores da Universidade de Vigo no proxecto “LABPLAS” sobre solucións terrestres para os plásticos no mar (lugar por determinar, dependendo do aforo necesario).
E como peche especial, o domingo 8 de xuño, organizarase a ruta “As nosas senlleiras en torno ao Río”, coa colaboración do colectivo “Donde viven los cuentos” (punto de encontro nas Sobreiras de San Roque, ás 10 da mañá).
”Nesta semana, como sempre, queremos incidir na importancia das accións individuais como, por exemplo, as cabichas tiradas no chan ou o lixo que aparece nas cunetas…” declara a Concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, ao tempo que resalta “faime especial ilusión o faladoiro, xa que xuntaremos pescadores do río e do mar, con investigadores que nos darán unha noción do dimensionamento dos problemas, máis alá do que se ve a simple vista”.
A alcaldesa de Tomiño Sandra González, pola súa banda, anima á veciñanza a participar nestas xornadas, lembrando “a importancia do ciclo da auga, especialmente nunha zona de alto valor ecolóxico e natural como a que vivimos, e que temos que protexer entre todos e todas”.
Para poder participar no faladoiro e na ruta natural é necesario inscribirse previamente a través da web municipal, na seguinte ligazón: https://tomino.gal/semana-do-medio-ambiente-2025/
The post Tomiño centra a súa xa tradicional ‘Semana do Medio Ambiente Tomiño Natural’ nos ecosistemas acuáticos appeared first on Concello de Tomiño.