Éxito rotundo de público e participación na XX Feira de Cultivos do Baixo Miño. Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño, a feira pechou esta fin de semana a súa edición máis multitudinaria con milleiros de persoas participantes que desfrutaron dun ambiente vibrante e unha programación que fixo do evento unha verdadeira festa do sector verde en Galicia.
Durante tres días, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acolleu unha vintena de actividades ao aire libre pensadas para todos os públicos, con concertos, conferencias para afondar na transferencia de coñecemento de profesionais do sector á veciñanza e obradoiros prácticos nos que participaron 200 persoas. Unha afluencia masiva, especialmente no último día de feira, cando se viviu unha auténtica marea de visitantes procedentes non só do Baixo Miño, senón de múltiples puntos de Galicia e do norte de Portugal.
“Para nós é un orgullo ver como a feira se converteu nun espazo de encontro, de aprendizaxe e tamén de lecer, onde conviviron profesionais do sector e familias enteiras con interese por un agro sostible. O éxito desta edición demostra que Tomiño é unha referencia no camiño cara a un futuro verde e innovador”, sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Pola súa parte, o presidente de acuBam, Fran Campo, destacou “o ambiente acolledor e distendido que se viviu durante toda a fin de semana, cun público moi diverso que respondeu con entusiasmo a todas as propostas. Esta feira confirma o potencial do noso territorio como motor de innovación agrícola”.
A Feira de Cultivos do Baixo Miño reafírmase así como un dos grandes eventos galegos no ámbito do medio rural, poñendo en valor a forza do cooperativismo, a vangarda tecnolóxica no cultivo e a necesidade de achegar o campo á cidadanía. Un éxito que nace dunha semente plantada hai xa vinte anos por unha comunidade unida e comprometida co seu territorio.










The post Milleiros de persoas converten a Feira de Cultivos do Baixo Miño nun rotundo éxito appeared first on Concello de Tomiño.