A reforma case total do Pavillón polideportivo da Carballa, fará posible a existencia desta nova modalidade dentro da asociación deportiva

Tomiño apúntase ao fútbol sala. A Asociación Deportiva Tomiño (AD Tomiño), presentou a semana pasada no Salón de Plenos do Concello, a creación dunha sección de fútbol sala, a primeira na localidade desta modalidade, que comezará a funcionar en breve, co apoio da Concellería de Deportes, que prestará, entre outras cousas, o Pavillón da Carballa, recentemente reformado.
No acto, presidido pola alcaldesa, Sandra González, asistiu Julio Mougán, presidente do Comité de Fútbol Sala Galego, acompañado polos directivos, coordinadores e preparadores físicos da asociación deportiva tomiñesa implicados na creación da nova sección, que virá a sumarse aos 85 que xa existen na delegación de Vigo e que están medrando a bo ritmo, sobre todo os femininos, segundo informou o presidente do comité. “Isto vai sobre seguro –asegurou Mougán- temos xa varias experiencias de asociacións deportivas que ofrecen os dous tipos de fútbol e van moi ben, xerando entre os dous un espazo de convivencia”.
Opinión que compartiu a alcaldesa. “Estamos moi contentos de ter unha nova actividade deportiva que xere sinerxías e promocione o deporte de base. Ademais, o feito de investir en infraestruturas deportivas, como está acontecendo no pavillón da Carballa, posibilita que haxa novos deportes como o fútbol sala”. Dito pavillón está a ser arranxado case na súa totalidade, con teito, cuberta, chan e iluminación, o que posibilitará a existencia da nova modalidade de fútbol en Tomiño, “o que amosa que investir en infraestruturas deportivas tamén é apostar polo deporte”, concluíu a rexedora local.
Ao acto de presentación da nova disciplina, que comezará a impartirse en breve, asistiron tamén Agustín González, concelleiro de Lecer e Mocidade; Augusto da Rocha, preparador de porteiros; José Antonio Burgos, preparador físico; Carlos García, presidente da AD Tomiño; David Merino, coordinador da AD Tomiño, e Francisco Javier Reboreda, coordinador de fútbol sala e adestrador da asociación, quen informou que aínda non saben a data de comezo da actividade, pero que están xa a traballar arreo para poñela en marcha o antes posible.As persoas que estean interesadas e queiran inscribirse ou desexen máis información, poden chamar ao teléfono 650 601 826.
The post A AD Tomiño impulsa a creación dunha sección de fútbol sala co apoio do Concello appeared first on Concello de Tomiño.