A tempada 2024/2025 está a ser especialmente destacada para o fútbol no noso concello. Os equipos tomiñeses, tanto en categoría masculina como feminina, demostraron unha vez máis o seu talento, esforzo e espírito de superación. Desde o Concello de Tomiño queremos facer un repaso do camiño percorrido ata o de agora, recoñecendo o traballo de todos os clubs e sinalando os retos que aínda están por diante nesta recta final.
-Tomiño FC Feminino: un ascenso histórico á 3ª RFEF
Este ano tamén celebramos un fito sen precedentes: o ascenso do Tomiño FC Feminino á 3ª RFEF, por primeira vez na historia do club. Un éxito que reafirma a aposta polo deporte feminino e a igualdade, grazas ao compromiso das xogadoras, do corpo técnico e dunha afección que nunca deixou de crer. Desde o Concello queremos reiterar o noso apoio ao fútbol feminino como parte esencial do noso tecido deportivo.
-AD Tomiño: dous ascensos consecutivos e un salto á elite
O AD Tomiño conseguiu un novo ascenso, esta vez á Preferente Galega, culminando unha tempada brillante que lles permite dar o salto á máxima categoría do fútbol base autonómico. Este logro é froito dun proxecto consolidado e dunha aposta firme pola formación, a entrega e o traballo en equipo. Un motivo de orgullo para toda a vila.
-Tomiño FC e Goián CF: obxectivo cumprido en 1ª Autonómica
Logo do ascenso conseguido a pasada tempada, tanto o Tomiño FC como o Goián CF tiñan por diante o reto de manterse nunha categoría tan esixente como a 1ª Autonómica. A base do seu éxito foi o traballo constante, a cohesión dos cadros técnicos e o respaldo das súas afeccións. Parabéns por consolidar a súa presenza nesta liga.
Fase de ascenso: emoción e esperanza para varios equipos locais
A tempada aínda non rematou para todos. Varios equipos de Tomiño afrontan nestes días fases de ascenso nas súas respectivas categorías, mantendo viva a ilusión de seguir medrando:
-O Tebra FC, que fixo unha gran campaña no seu regreso á categoría, rematou 5º e disputará a fase de ascenso a 1ª FUTGAL. O primeiro encontro será este domingo no Campo Municipal da Carballa ante o CD Bueu.
-Os xuvenís do Goián CF tamén teñen por diante unha eliminatoria de ascenso a 2ª FUTGAL, tras unha excelente tempada na que acadaron o 3º posto. A ida xogarase este sábado en Pazos de Borbén contra a UD Nespereira, e a volta será no Lito Oliveira.
-Tamén os cadetes do Tomiño FC, que contan con só un ano de traxectoria, comezan esta fin de semana a súa fase de ascenso, cun primeiro encontro fronte ao Candeán B.
Dende o Concello de Tomiño queremos felicitar a todos os equipos, xogadores e xogadoras, corpos técnicos, directivas e familias polo enorme traballo desenvolvido ao longo da tempada. O voso compromiso engrandece o deporte local e serve de exemplo para toda a mocidade.
E para os equipos que aínda seguen competindo: moita forza e moita sorte! Estamos con vós nesta última etapa.
Tomiño segue xogando, e xogando ben.
The post Grandes éxitos para o fútbol tomiñés nunha tempada chea de logros… e coa ilusión posta no que aínda está por chegar appeared first on Concello de Tomiño.