Tomiño

Comunicacións

Tomiño

Tomiño conmemora as Letras Galegas coa xa tradicional feira do libro en galego, na Praza do Seixo

Data de publicación: 14/05/2025

A celebración estenderase aos días 22, 24 e 31 de maio, con cantareiras, monólogos teatrais, contacontos e poesía popular


 


A Praza do Seixo será un ano máis punto neurálxico da celebración  do Día das Letras Galegas 2025, o vindeiro sábado 17 de maio.


Un ano máis, realizarase pola mañá (de 10.00 a 14.00h) a Feira do Libro en Galego, na que cada exemplar terá un desconto do 40 por cento (30% achegado polo Concello, e 10% polas librarías).


O concerto da Agrupación Musical de Goián será o acompañamento ideal para as actividades, que tamén incluirán obradoiros culturais e de xogos, en galego. As persoas participantes poderán levar unha camiseta conmemorativa co deseño gañador do concurso deste ano (de Paloma Bravo). Ademais haberá paraugas, chapas e adhesivos con todos os deseños presentados.


O programa continúa o xoves 22 de maio no auditorio municipal (Goián), co espectáculo “Axúdame a cantar”, sobre as cantareiras para o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, ao que se agasallará coa novela “Agora que vén a noite”, de Marcos Calveiro.


O sábado 24 de maio ás 21.00 horas, tamén no auditorio, estará o actor Carlos Blanco co seu monólogo “A Penúltima”.


E, por último, o sábado seguinte, 31 de maio, chegará á Praza do Seixo, ás 12 do mediodía,  “Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” do colectivo Polo correo do vento, combinación perfecta de narración oral e obradoiro participativo.


Todas as actividades conmemorativas deste ano contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Concello de Tomiño.”Levamos a cabo, como cada ano nestas datas, diferentes actividades a prol da lingua e literatura galegas co obxectivo de promover a lectura no noso idioma e provocar un efecto normalizador e multiplicador da nosa lingua e, ao mesmo tempo, apoiamos ao comercio local”, comenta a concelleira de Cultura, Ani Fernández Carrera.


 


 


 


 


 


The post Tomiño conmemora as Letras Galegas coa xa tradicional feira do libro en galego, na Praza do Seixo appeared first on Concello de Tomiño.