Esta nova infraestrutura sociocultural, deseñada de forma participativa con máis de 300 veciños e veciñas, contará con equipamento moderno e funcional.
O Concello de Tomiño ven de adxudicar o contrato de subministración, entrega e instalación do mobiliario e equipamento do edificio Espazo Isaura Gómez á empresa Suministros Técnicos Galicia. Trátase dun paso fundamental cara a posta en marcha dun espazo sociocultural de referencia na vila, que se prevé abrir ao público ao longo deste ano.
O proceso de licitación iniciouse en novembro do 2024 e foi adxudicado o pasado 9 de abril, cun investimento total que se achega aos 140.000 euros. Este importe está financiado conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2022-2023, cunha achega de preto de 88.000 euros, e polo propio Concello de Tomiño, que asumiu os 52.000 euros restantes.
A adquisición inclúe o mobiliario necesario para todas as estancias do edificio, respondendo a un estilo contemporáneo, sobrio e funcional, pensado para acompañar a calidez dos interiores, nos que predomina o uso da madeira. O equipamento abrangue así dende mostradores, cadeiras, taquillas, mesas de estudo e auxiliares, ata estanterías, mobles expositores, buzóns, estores e iluminación, tanto para o público infantil como adulto.
O Espazo Isaura Gómez constitúe unha aposta estratéxica do goberno municipal. Trátase dun edificio multifuncional que acollerá actividades culturais, educativas e sociais, e que naceu froito dun proceso participativo no que tomaron parte máis de 300 veciños e veciñas. “Estamos a falar dun proxecto feito pola veciñanza e para a veciñanza. A súa apertura será posible grazas á implicación directa da xente e ao compromiso firme do goberno local por dotar a Tomiño deste espazo público de calidade”, sinala a alcaldesa Sandra González.



The post O Concello de Tomiño impulsa a recta final do Espazo Isaura Gómez coa adxudicación do suministro do seu mobiliario appeared first on Concello de Tomiño.